A televisión? Nós non vemos a televisión (algúns membros de Disquecool chegan ao extremo cool de non ter caixa tonta na casa) e, sen embargo, nunca víramos tantas series de forma regular e con problemas de adicción ata estes últimos anos. Agora que as series son o novo cine, desfrutamos felices nos nosos ordenadores, pasamos horas e horas diante desa pantalla que ata hai un tempo era só para navegar por Internet e ver o correo. Empezou hai moito tempo ‘Twin Peaks’ (sen ordenador), continuou ‘Lost’ e agora as series de culto, as series boas, están en todas partes. A oferta é abafante. Que é o que máis desfrutamos este 2012? Algunhas estreas, moitas series con nova temporada, este é o noso Top 10 de series de 2012. Unha lista consensuada por toda a redacción!
10. ‘Amar en tiempos revueltos’. Houbo unha época na que confesar que che gustaba ‘Amar en Tempos Revoltos’ era case anatema. Como podía ser se tanto éxito tiña que non coñeceses a ninguén que a vira? Pouco a pouco todos acabamos por atoparnos e no momento das confesións todo o mundo acababa por dicir que polo menos seguira algunha tempada. A que acaba de rematar foi a derradeira en TVE. Os recortes de orzamentos da televisión pública acabaron coa que era unha das súas series estrela (e tamén está a postergar ata o infinito a estrea da segunda tempada de ’14 de abril. A República’… Teoría da conspiración?) A derradeira tempada foi todo o que se pode agardar de ‘Amar en Tempos Revoltos’: moitas mortes que arranxan historias, malos malísimos e as costumistas (e ás veces cargantes) historias do bar El Asturiano. (Raquel)
9. ‘Sherlock’. As aventuras de Sherlock Holmes levadas á actualidade xa nos fixeron moi felices na súa primeira temporada (tres capítulos de hora e media) e 2012 estreouse (literalmente, empezou o 1 de xaneiro) cunha segunda temporada no mesmo formato. Moita tensión e intriga, humor dese británico que nos fascina e un final de tempada dos que quitan a respiración. Non hai que ser fan dos libros de Conan Doyle para desfrutar de ‘Sherlock’, pero de cando en vez a serie introduce chiscadelas que fan ao coñecedor dos libros sorrir entusiasmado no sofá. Haberá terceira temporada xa en xaneiro de 2013.
8. ‘Breaking Bad’. O de ‘Breaking Bad’ é un caso estraño. Os seus seguidores máis fieis levan xa cinco temporadas falando marabillas dela e, sen embargo, a serie é case descoñecida para os que nunca a viron. Esta quinta temporada volveu a sorprender a todos os fans, deixando claro que non pensan caer nunca no error de estirar e estirar para aproveitar o éxito. Deixando o argumento de lado, ‘Breaking Bad’ destaca tamén pola súa coidada produción, unha marabilla do audiovisual inxustamente infravalorada.
7. ‘New Girl’. A estas alturas xa non son posibles as desconfianzas e as sospeitas. Si, é a serie de Zooey Deschanel e o seu personaxe está tan esaxerado que todos pensamos tras o piloto que en dous capítulos non a soportaríamos máis. E, sen embargo, ‘New Girl’ segue, dúas temporadas despois, a facernos rir como o primeiro día. O segredo do éxito son posiblemente os compañeiros de piso de Jess (Nick e Schmidt, o outro, o pobre, non acaba de estar moi definido) e as situacións que se crean entre todos. Zooey Deschanel segue a ser a protagonista, pero se a cousa funciona e pola suma dos catro caracteres. ‘New Girl’ roubou en 2012 as gargalladas que ata agora eran propiedade de ‘Community’ (e como fan incondicional da serie de Dan Harmon, dicir isto é moi difícil).
6. ‘The Newsroom’. A nova serie de Aaron Sorkin foi un hype e unha promesa antes da súa estrea. Despois, empezou a recibir críticas do máis duras polo mundo ideal no que viven os xornalistas da serie. A nós, como boas xornalistas que aínda soñamos con ese mundo mellor, ‘The Newsroom’ encantounos. Tan só hai que aceptar o patriotismo que o enche todo (o capítulo de Bin Laden deixa a calquera europeo coa boca aberta) como en ‘Lost’ aceptamos como naturais as viaxes no tempo e desfrutar das historias e os líos entre os personaxes. O feito de que a súa actualidade, ademais, sexa unha actualidade moi recente, fai que a serie sexa de súpeto moito máis interesante.
5. ‘The Hour’. Si, outra serie de xornalistas que buscan nun programa de noticias ofrecer ese xornalismo ideal co que todos suspiramos (ai, a inocencia do primeiro ano de universidade!). Neste caso viaxamos aos anos 60 e ao Reino Unido e nos metemos na BBC. Nesta segunda temporada volven a estar Hector, Bel e un Freddie algo cambiado (en teoría, na práctica é o noso Freddie de sempre), e volvemos a mesturar a tensión do triángulo amoroso coa actualidade da época. Pánico nuclear! Curiosamente, se na primeira temporada as comparacións eran con ‘Mad Men’, nesta son xa con ‘The Newsroom’. Os xornalistas estamos de moda.
4. ‘Mad Men’. Ai, a nosa serie preferida desde hai xa uns cantos anos. 2012 volveu a ser ano de Don Draper, de publicidade e anos 60, pero nesta temporada foi Megan quen deu a gran sorpresa e roubou protagonismo a todos. Seguen a fumar e a beber moito, os vestidos seguen a ser marabillosos, e a banda sonora acadou un fito ata entón nunca visto na historia da televisión: ‘Mad Men’ logrou os dereitos para reproducir un tema orixinal de The Beatles (Tomorrow Never Knows). Como calquera fan dos fab four saberá, isto non ocorrera nunca. Pero ‘Mad Men’ é especial.(O vídeo está cheo de spoilers!)
3. ‘Downton Abbey’. A historia de época é xa un superdramón (se no vistes o especial de Nadal, deberiades) o que comeza xa a saturar un pouco. Aínda que houbo algunhas baixas entre os que a seguían (ou aquí polo menos coñecemos a quen o fixo, porque non podía seguir aguantando tanto xiro dramático), os que continuaron seguen a gozar coa sublime ambientación de época, co snobs que son os da alta sociedade inglesa e cun vestiario que cada día se supera. Están comezando a década do charlestón, así que os tempos (e as polo menos dúas tempadas máis que hai comprometidas) prometen. (Raquel)
2. ‘Girls’. Outra das sorpresas do ano. A serie de Lena Dunham viña avalada polo nome de Judd Apatow nos títulos de crédito, pero o feito de que lle deixaran a unha rapaza de menos de 30 anos a responsabilidade de dirixir, protagonizar e escribir unha serie creou moitas sospeitas ao principio. Nós quedamos namoradas xa no primeiro episodio: a voz dunha xeración que posiblemente sexa a nosa, con todas as diferencias pero sobre todo con todas esas similitudes nas que é fácil identificarse. Hannah, Marnie, Shoshannah e Jess forman xa parte do noso grupo de amigos. Agora todos soñamos con vivir nesa Nova York e ser hipsters de Williamsburg. Risas seguras.
1. ‘Homeland’. A serie revelación de 2011 volveu en 2012 e si, seguiu a revelarse. Críamos que non era posible superar a primeira temporada, que os nosos corazóns non serían quen de latexar máis rápido e que xa acadáramos o noso máximo aguantando a respiración; pero estabamos equivocadas. A segunda temporada de ‘Homeland’ é aínda máis trepidante que a primeira e, agora que xa lles temos cariño a Carrie, a Brodie e a Saoul (e a Dana!), sentimos todo aínda máis. Esperamos xa ansiosos a terceira temporada… só quedan once meses!