Catro millóns de espectadores seguiron a decapitación de Ana Bolena na serie ‘Los Tudor’ emitida en TVE. A historia de poder, nobreza, violencia, sexo e intrigas acadou no último capítulo da segunda tempada, emitido en setembro de 2010, un récord para esta produción. As series históricas e de época xa levaban un tempo triunfando nos nosos televisores, pero nos últimos meses, con éxitos como ‘Los Tudor’ ou ‘Los pilares de la tierra’ a súa presenza nas grellas televisivas non fai máis que crecer.
TVE atesoura unha grande experiencia en series de produción propia de carácter histórico. Aínda que aborda un pasado recente, ‘Cuéntame como pasó’ é o mellor exemplo. A familia máis famosa da televisión, ‘Os Alcántara’, iniciou a súa historia en 1968, e 12 tempadas despois xa se atopan na Transición.
Seguindo esta mesa senda, pero cun estilo máis telenovelesco, ‘Amar en tiempos revueltos’, que xa vai pola sexta tempada, trasládanos aos anos da guerra civil española e aos da ditadura franquista.
Tamén en TVE ‘La Señora’, xa finalizada, e ’14 de abril. La República’, que rescata o espírito e algúns personaxes da primeira, desenvólvense en momentos relevantes da historia española, pero sempre cun transfondo de amores imposibles condicionados por unha época.
Grandes producións para todos os gustos
Pero as series históricas non só viven de amor. ‘Águila Roja’, que vai pola súa terceira tempada e acaba de saltar á gran pantalla, aposta polas aventuras, cun produto para toda a familia.
Este tipo de series esixen un gran esforzo de produción, tanto na construción dos decorados de interior como na gravación en exteriores. No caso de ‘Águila Roja’, conta cuns decorados interiores de máis de 2.000 metros de extensión, e roda máis dun 50% da escenas en exteriores. Tamén hai que ter en conta a coidada reprodución de vestiario, mobiliario e demais atrezzo que requiren este tipo de pezas audiovisuais, así como o labor de documentación histórica que conlevan, aínda todas se permiten licencias históricas para apelar á emoción do espectador.
Pese ao esforzo inversor, este tipo de series deben de resultar rendibles, cando as cadeas televisivas non fan máis que apostar por novos proxectos. Así o fixo Antena 3 con ‘Hispania, la Leyenda’, que define como “unha historia de loita, vinganza, aventuras, pero tamén… unha historia de amor”. Pola súa banda, TVE prepara unha nova serie histórica sobre Isabel a Católica, e Telecinco está ultimando ‘Piratas’, a súa grande aposta de ficción para 2011, inspirada na época dos corsarios e os navíos piratas e rodada case integramente en Galicia.
A chegada das series inglesas
A última tendencia son as producións inglesas, que acaban de aterrar en Antena 3. ‘Downton Abbey’, cuxa primeira tempada acaba de rematar, está protagonizada por unha familia da alta burguesía inglesa preocupada por atopar un herdeiro para a súa fortuna entre a súa familia, dado que non tiveron ningún fillo varón. Ao igual que en ‘Arriba y Abajo‘, cuxa renovada versión tamén está emitindo Antena 3, os señores non están sós, senón que escaleiras abaixo atópanse mordomos, doncelas, cociñeiras e choferes, que mesturan os seus deberes cos seus desexos.
En Galicia
Na Comunidade galega o mellor exemplo atopámolo en ‘Libro de familia’, que vén de cumprir 6 anos de éxito na TVG, abordando, ao estilo ‘Cuéntame’, a historia de tres familias galegas residentes en Santalla que pertencen a distintos estratos sociais. Os Cabana, labradores de toda a vida e propietarios dun ultramarinos, conviven cos Lamela, saga de caciques que ten contas pendentes cos Freire, indianos que regresan da emigración logo de facérense ricos en Venezuela.
Pero, por que teñen tanto éxito?
A Paula, de 21 anos, gústalle ver ‘Cuéntame’ porque aborda a historia española e “está moi ben feita”. Tamén afirma ver ‘Arriba y Abajo”, porque segundo di sempre aprende algo.
María Jesús, unha espectadora de 51 anos, explica que agora mesmo ve ’14 de abril. La República’, ‘Arriba y Abajo’, ‘Downton Abbey’ y ‘Cuéntame’. Gústanlle os decorados e vestiarios das series históricas, e no caso de ‘Cuéntame’ porque lle trae lembranzas da súa propia historia.
Neste senso, as súas reflexións entroncan co ensaio ‘Televisión y ficción histórica: Amar en tiempos revueltos’, dos profesores María del Mar Chicharro e José Carlos Rueda da Universidade Complutense de Madrid, que sosteñen que este tipo de obras, ademais de proporcionar un “enfoque narrativo orixinal e entretido, poden incrementar a confianza e implicación do espectador ante a mensaxe”. Segundo afirman, o ‘plus’ de realismo do discurso é completado cos coñecementos previos da audiencia, que espera ver na pequena pantalla aquelo que sabe da historia que se lle está contado.
O que está claro é que máis alá da evocación histórica, na pequena pantalla prima o espectáculo, e como tal, o que verdaderamente triunfan son, como sempre, as emocións.
2 comentarios