6 series británicas novas para desfrutar do acento máis sexy do mundo

indiansummers

É oficial desde hai uns días: o acento máis sexy do mundo é o británico. Polo menos o acento falando inglés. Eses son os resultados dunha enquisa realizada pola xente de TimeOut, cunha mostra de 11.000 persoas de doce cidades diferente. Á pregunta de “cal é o acento máis apto para citas, que non sexa o teu propio?”, un 27% das persoas dixeron o que xa sabíamos desde hai tempo: non hai nada como que che falen cos modos de ‘Downton Abbey‘, de ‘Sherlock’, ou ata de ‘Skins’.

E aquí enlazamos co seguinte tema, o das series e o do reducionista que é falar do acento británico en xeral. Como xa aprendemos con ‘My Fair Lady’, en cada barrio de Londres teñen un acento distinto, e moitos deles son máis ben pouco sexys. O mellor, claro, é lanzarse a ver series británicas, que é sempre boa idea. Pero non vos imos dar a típica lista coas series xa mencionadas, non. Imos coas máis novas, algunhas teñen un ano, outras levan só un episodio emitido. E non me pidades que recomende, de todas estas só vin o piloto de ‘Fleming’. Teredes que arriscarvos. Todo sexa polo acento:

1. ‘Indian Summers’ (Channel 4, 2015)

Este domingo emitiuse o primeiro episodio desta serie na que podemos apreciar outro dos acentos británicos típicos: o indio! Porque, polo menos na época na que está ambientada a serie, os indios eran cidadáns británicos en todo o seu dereito (ou sobre todo, en todo o seu deber). Estamos nos anos 30, en India, e seguimos a vida dunha serie de expatriados británicos e xente autóctona da vila de Shimla, ao pé do Himalaia. E hai quen di tras ver só o primeiro que é mellor que ‘Downton Abbey’, así que haberá que darlle unha oportunidade.

2. ‘The Casual Vacancy’ (BBC One, 2015)

A competencia directa de ‘Indian Summers’: este domingo, á mesma hora, a BBC One estrenaba ‘The Casual Vacancy’, baseada na novela de J.K. Rowling (si, a autora de Harry Potter). Estamos na actualidade, no rural británico… o acento cambia. En Pagford, unha aldea inglesa aparentemente idílica e tranquila, nada é o que parece. Ricos contra pobres, fillos contra pais, homes contra mulleres, estudantes contra profesores. A guerra! É unha miniserie que terá só tres episodios.

3. ‘Wolf Hall’ (BBC Two, 2015)

A adaptación das novelas de Hilary Mantel é perfecta para os fans de ‘Os Tudor’ que quedastes con ganas de saber máis sobre Thomas Cromwell. A miniserie (seis episodios) segue a ascensión deste pasiño a pasiño cara o poder, a costa de Thomas Moro e de manipular a Enrique VIII. Un Enrique VIII que aquí interpreta Damien Lewis… Brody de ‘Homeland’! Volvendo ao tema acentos: Lewis é en realidade inglés, o acento americano de ‘Homeland’ era de mentira. Seremos quen de velo sen pensar que é terrorista, ou que non o é, e sen esperar a aparición de Carrie nalgún momento? As críticas están a ser moi, moi boas!

4. ‘Fortitude’ (Sky Atlantic, 2015)

Deben as series policíacas nórdicas a súa calidade a estar localizadas nun lugar frío e escuro? Iso parecen preguntarse en ‘Fortitude’, unha superprodución que nos leva a unha aldea nalgún lugar de Noruega na que vive unha comunidade internacional e na que de súpeto hai un crime. As críticas son positivas, aínda que os que se queixan de algo é de que a serie é lenta e, sobre todo, de que non se explica por que viven tantos ingleses e irlandeses nun lugar perdido de Noruega. “Aínda que non sexan ingleses ou irlandeses, a maioría deles fala coma se o fosen”, quéixanse en The Independent. O reparto, por certo, é moi impresionante.

5. ‘Fleming: The Man Who Would Be Bond’ (BBC America, 2014)

Esta miniserie segue a Ian Fleming, o autor das novelas de James Bond, antes de se converter nese autor de éxito. Porque o certo é que tivo unha vida bastante apaixonante… foi espía durante a Segunda Guerra Mundial! A idea é que vexamos a Fleming como Bond e que, ao longo da serie, intentemos buscar paralelismos entre as novelas e todos os personaxes “reais” que aparecen.

6. ‘The Honourable Woman’ (BBC Two, 2014)

Protagonizada por Maggie Gyllenhaal, esta miniserie segue a Nessa Stein, unha muller de negocios anglo-israelí que quere facer o que estea na súa man para mellorar as relacións entre Israel e Palestina (case nada). A súa idea para conseguir isto é conectar ambas partes con fibra óptica para favorecer así a paz, algo que, por suposto, non é nada fácil. Thriller político con gran reparto que estivo nos Top 10 de 2014 de moitas publicacións.

Shares

2 comentarios

  • Lucía di:

    ¡Qué boa pinta! Sobre todo a primeira…

  • avelino di:

    Olá. Seguindo as vosas indicacións, vin “The honourable woman”. É fantástica. Agora qe parece que están de monda as tramas de moitos posibles culpables, o guión desta serie leva iso con moito xeito. Ó mesmo tempo desacouga ver como se negocia entre poucos a vida de tantos. Grazas pola recomendación

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará