7 argumentos/datos que farán moi felices aos haters de 50 sombras de Grey

50 sombras

Na pasada fin de semana produciuse a estrea mundial da película de 50 sombras de Grey (e sabede que como os libros, a versión cine tamén será unha triloxía), o que levou a que todos os medios de comunicación falasen da película, que todos os cines programasen o título e que a xente acudise en masa para ver a estrea. Pensade só nunha cifra: Só en España os cines venderon 180.000 entradas anticipadas para ver a peli. Peli que está, por certo, en 1.000 pantallas en todo o país. Como os produtores fixeron unha estrea mundial e simultánea (bastante hábiles, todo hai que dicilo), a febre polo filme foi mundial e a caixa será igualmente mundial. As previsións son que nos Estados Unidos ante polos 91 millóns de dólares (ademais coincidiu cunha fin de semana longa gracias a un festivo) e en España xa leva un pouco máis de 7 millóns de euros (e é a mellor estrea dende que en 2012 chegou a derradeira entrega da saga Crepúsculo). Seguirán facendo caixa? Tendo en conta que os libros acumulan xa 100 millóns de lectores, as nosas quinielas apostan por un si como resposta.

É 50 sombras de Grey a peor historia dos últimos anos, séculos e incluso milenios? Aí non imos entrar. Cada quen que pense o que queira sobre as aventuras sexuais – amorosas de Christian Grey e Anastasia Steele, pero dado que a rede está chea de artigos sobre a película e os libros cheos de felicidade e boas palabras e dado que Grey é xa máis mainstream que os paraugas transparentes en Compostela (ódiovos a todos por mercalos tamén), hoxe vamos a centrar a nosa aproximación ao fenómeno (aproximación un tanto odiable porque non vimos a película… aínda que na redacción si limos o primeiro dos libros e podemos por tanto ser crueis con fundamento) en todas as cousas malas que lle podemos atopar.

Queridos haters de Grey, queridos lectores que estades fartos de atopalo en todas partes, queridos meus que pensabades que estabades a salvo da obra de EL James pero esta vos perseguiu ata a vosa casa sagrada, este é o artigo para vós. Hoxe vamos a darvos sete argumentos ou datos para soster todo o voso odio.

50 sombras está facendo que a xente tolee

E non falamos xa de que tolear nun sentido figurado por querer probar con entusiasmo novas prácticas (unha cadea de tendas tipo BricoKing británica alertou aos seus establecementos que aumentaran o stock en cordas e similares para estar preparados tras a estrea da película) senón tamén dun xeito un tanto máis… en fin… A xente estase deixando levar e está facendo cousas estrañas e aproveitando o tirón para o insólito. Unha muller abriu unha demanda colectiva en Estados Unidos contra E.L. James por un lubricante do merchandising do libro que non cumpre co prometido.

A historia pode ser interpretada en clave capitalista

Debedes ler un artigo de Buzzfeed (un deses serios que publican) no que acusan a Grey de ser unha “fantasía de clase” na que a pregunta que a protagonista debe responder non debería ser tanto como sería ser unha submisa no terreo sexual senón máis ben como sería a vida se xamais tivese que preocuparme polos cartos. O atractivo de Grey, no fondo, é que é un millonario moi millonario (o conflito no libro un está en que Anastasia ten que asinar un draconiano contrato que regulará a súa relación con Grey) que vai marcar todo na vida da rapaza, incluídas as súas pautas de consumo. E, defende a autora, Grey é unha especie de soño capitalista: ten cartos (sen máis), o seu traballo é berrar por teléfono quero que o fagades en 24 horas e vive nun ático mega luxoso (hai unha web na que podedes velo, gracias á produtora do filme).

E Sarah MacLean, unha escritora de romántica bastante popular, tamén dá unha interpretación económica e moi relacionada coa crise para o The New York Times: lembra que a novela romántica funciona especialmente ben en tempos de crise (supoñemos que en recesión é máis atractivo ler sobre finais felices) e que toda a fantasía de Grey pode ser entendida como unha fantasía de escapismo para os duros tempos económicos. Non só en millonario mentres todo o mundo está perdendo o traballo, tamén é quen toma o control da situación económica facendo que as preocupacións de Anastasia Steele (e aquí sería a lectora agoniada porque non lle saen as contas económicas) desaparezan.

Calquera – e cando digo calquera, é calquera – pode escribir 50 sombras

Tras o boom de 50 sombras apareceron rapidamente os copycat no mercado. As portadas de todos e cada un dos libros tomaron ese aire similar á portada da triloxía e as librarías enchéronse de libros que lembraban ao de James. Os millonarios sexy e as rapaciñas inexpertas agardaban en cada mesa de novidades, facendo sentir que non había escritor no mundo que non puidera producir algo así. En realidade, non é preciso ser escritor para facelo. Só ter unha conexión a internet: unha enxeñeira de Google fixo un xerador de texto que crea fragmentos que ben poderían ser de 50 sombras de Grey.

As críticas da peli están sendo malas

Veña, si, hai críticos que din que non está tan mal e que se ben Jamie Dornan non é gran cousa como actor Dakota Johnson é unha sorpresa de interpretación. En The Atlantic lembran que a película non podería ser máis mala que o libro (e definen á protagonista como 21-going-on-14, unha de 21 que podería ter 14) e que incluso cortaron algunhas das referencias á deusa interior de Steele que foron material para todas as chanzas en internet. Pero en xeral as críticas no están sendo positivas (vamos, que non lles van dar un Oscar) nin na prensa nin nas saídas dos cines (algúns xornais fixeron xornalismo gonzo e mandaron a alguén a vela o primeiro día para escoitar o que pensaban os espectadores).

A película censura a historia

Nesas crónicas do que dis os espectadores o que máis se repite son as queixas polo que non se ve. A película máis ousada do ano en realidade quédase corta e os espectadores ven menos do que pensaban. A directora di que quixo suxerir (eternas entrevistas en centos de medios) pero o certo é que a xente esperaba carnaza.

50 sombras só está deixando momento surrealistas e produtos non menos

Persoalmente son moi fan de todas as adolescentes que van ver a película porque a historia é un pouco, din, como as de Federico Moccia (véxase esta crónica insider de La Opinión de A Coruña) pero no fondo está é a menos exótica de todas as cousas que se están vendo relacionadas co filme. Hai hoteis que aproveitaron a fin de semana para vender habitacións temáticas, hai unha avalancha de produtos de merchandising bizarros (osiño de peluche Grey, entre inquietante e riquiño) e todo é buscar a curiosidade sobre o asunto. Agardo aínda os artigos sobre doces xubiladas que van ver o filme (e saen escandalizadas).

Os modernos de verdade deben pasar do tema

E finalmente o argumento definitivo para esta aproximación a 50 sombras de Grey é que non podedes vela porque se sodes modernos de verdade é demasiado mainstream para vós. Podedes vela se o facedes dende un punto de vista irónico (veña, estouvos a dar a escusa perfecta), pero só así. Aproveitade o momento para ver / ler algunha alternativa (hai tantos medios modernos que fixeron listas sobre ese tema que só teredes que ir a Google para atopar unha alternativa). Na redacción de Disquecool fixemos unha investigación rápida do que podedes ler en galego como alternativa e quedamos (foi amor a primeira vista) con esta novela. Non sabemos de que vai, nin se é boa. Só sabemos que a atopamos en Amazon, en galego e clasificada como ficción erótica e que o reclamo que emprega para venderse é que é a edición en Comic Sans da novela. Un must, por ende.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *