Alá polo mes de maio, a raíña da chick lit, Marian Keyes, confesaba na súa conta de Twitter que acababa de mercar un libro no aeroporto, aínda que lle daba un pouco de cousa poñerse a lelo. Era ‘50 Shades of Grey’, unha novela dunha escritora que se estreaba con ela e que está dando moito que falar (ata Forbes e The Wall Street Journal lle teñen adicados moreas de reportaxes). Que é o que a fixo popular? Ou mellor… a pesar de que se fixo popular? ‘50 Shades of Grey’ é unha novela erótica… concretamente a novela erótica que está a facer que o xénero se volva mainstream.
A novela erótica existe case que dende que a literatura é literatura, aínda que non sempre foi moi popular. No 2011, a novela erótica só facturou en España 1,81 millóns de euros, o que fixo que só fose o 0,1% da facturación da industria do libro. Estaba moi lonxe dos 2,42 millóns da novela de humor, dos 42,12 da novela romántica ou dos 366,22 da novela contemporánea, segundo datos do informe anual da Federación de Gremios de Editores de España. Mercar novela erótica, coas súas capas acusadoras e as súas lapelas facilmente lexibles cando se intenta ler en lugares públicos como o metro, o tren, un autobús ou un voo, non é algo especialmente habitual.
O libro electrónico resucitou primeiro a novela romántica, esas historias de amor tradicionais de capas vergonzosas. E o ebook deu a chave para a popularización da novela erótica contemporánea. No ereader ninguén ten porque saber que se está a ler e a experiencia de lectura pode envolverse do segredo que precisa ler algo tan… pecadento. Existía o dispositivo, nacera o formato… e chegou a muller que o ía a recuperar ou lanzar no mundo enteiro.
EL James era unha executiva de televisión que vivía en Londres e tiña dous fillos. Tamén era unha lectora da saga Crepúsculo, de Stephanie Meyer, e a autora de fan fic protagonizados polos personaxes dos mesmos que ían xusto por onde a escritora orixinal se quedaba curta. Meyer, unha persoa moi relixiosa, fixo que Bella Swann e o seu vampiro namorado se comporten como noivos decimonónicos (o vampiro é practicamente tal). James lanzounos ao medio dunha novela erótica. A obra tomou cada vez unha identidade máis propia, tanto que os personaxes tomaron unha existencia á marxe de Crepúsculo. A historia saíu primeiro en papel nunha pequena editorial australiana e logo deu o salto ao ebook. E aí empezou a fama mundial.
Anastasia Steele está a punto de rematar os seus estudos universitarios e é virxe. Non porque non teña con quen deixar de selo ou porque non poida, senón porque non encontrou a ninguén que lle entrase polo ollo. Ata que ten que ir facerlle unha entrevista ao CEO dunha super empresa, Christian Grey, que non chegou aos 30 e é moi atractivo (hai un retrato robot feito por un experto da Universidade de Lancaster por se alguén quere poñerlle cara de verdade). El é o elixido, aínda que Anastasia pronto descobre que non buscou ao tipo máis normal. A el o que lle gustan son os xogos de submisión.
Así empeza a historia, que se desenvolve en tres tomos e cunha calidade literaria non moi elevada. Pero practicamente ninguén agarda atopar aquí ao obra dun Booker Prize (como tampouco ninguén o espera cando se fai cos libros de Meyer) e a obra empezou a venderse rapidamente moi ben. A novela chegou ás mulleres, que se fixeron consumidoras masivas e empuxaron á prensa a bautizar o fenómeno como “porno para nais” (algo que, como a autora deixou claro en varias ocasións, non lle acaba de gustar).
A triloxía converteuse nun dos grupos de libros que conseguiu antes que practicamente ninguén a marca dos 20 millóns de libros vendidos en Estados Unidos. Lanzouse nese mercado en marzo e conseguino en xullo. (Non sabemos como van as vendas da versión en castelán, que Grijalbo lanzou en xuño, porque foinos imposible conseguir información da editorial). A historia está a ter un efecto de fenómeno e de normalización da novela erótica. Os libros da triloxía ocupan estantes e máis estantes das librerías de masas, a xente non oculta que o le e as actrices de Hollywood (dende Selena Gómez, rapaza Disney, ata Emma Watson) están a pelexar por ser Steele na adaptación cinematográfica (que farán os mesmos produtores que ‘The Social Network’ e que ocupará en masa as multisalas). Un hotel cambiou a Biblia polo libro, outros recrean a historia, apareceron cursos para parellas para retomar a paixón vía leccións da obra e… a literatura acolle cos brazos abertos a tendencia. A novela erótica é, de pronto, mainstream.
O punto culminante do desenfreno chega, por suposto, do mercado anglosaxón, onde xa están preparando edicións eróticas dos clásicos da literatura. Como apuntan en Time, serán as Brontë de sempre… pero cun toque bondage. E, mentres os editores de medio mundo andan á procura do novo megaéxito nacido da rede, están xa a estirar a goma de mascar da novela tórrida. HaperCollins, por exemplo, acaba de lanzar unha editora só de novela erótica e o de ‘a próxima ‘50 shades of Grey’ estase a converter nun reclamo manido.
Narrativa erótica galega
Existe novela erótica en galego? Existe. Aínda que un xénero que era tan minoritario – ata agora – como este non deixa de selo aínda máis nun idioma cunha produción literaria moito menor que a, por exemplo, anglosaxona. “Ten os seus lectores”, explícanos por mail Francisco Macías, de Edicións Positivas. “E non moitos. Tamén hai que dicir que non hai hábito editor nin lector, polo que haberá que agradar un tempo maior”. A narrativa erótica en galego “mércase pouco”, pero existe.
Edicións Positivas é a editorial galega que está a facer un maior esforzo dinamizador deste xénero, co premio bianual Narrativas Quentes. A editorial lanzou o galardón “porque era un espazo baleiro entre as editoras e porque toda literatura ha de ser tamén erótica”, entre outras moitas razóns que Macías enumera por correo electrónico. “Porque nos gusta para ocupar a man baleira, e porque sabiamos que hai escritores que gustan dela pero non atopaban quen lla publicase, e porque axuda a enriquecer unha lingua, e atrapa os lectores novos”. A última convocatoria foi este ano e, aínda que se presentaron 17 obras, quedou deserto.
Dende Galicia, o boom da novela erótica en inglés vese, segundo nos explica Francisco Macías, máis que polos novos formatos “porque será unha literatura de maior calidade ou será o momento editorial do erotismo”. “A privacidade en Galicia non inflúe, pois aquí os lectores non teñen eses prexuízos que si hai noutros lares”, sinala. “A nosa relación cos lectores (sobre todo lectoras) é de gran normalidade”.
E o editor apunta a outros límites que ata agora tamén tivo que facer fronte a novela erótica. “Son quizais a maioría dos libreiros e medios de comunicación os que teñan máis prexuízos. E neste punto si que podemos dicir que o ebook facilita a distribución da literatura erótica pois evita certas barreiras”.
Fotos | Paolo Neoz, camil tulcan e massaimara
El problema de la literatura gallega o, en realidad cualquier cosa que se haga en Galicia, y más en gallego, es que tiene un coto de público realmente reducido, y así es muy difícil aplicar economías de escala y sacar rentabilidad de cualquier proyecto.
De cualquier forma me ha gustado el artículo, ¡a twitter!
;)
¿Rendabilidade?
Escribir é algo distinto á rendabilidade. Se escribes pensando, sobre todo, na rendabilidade, mal vas.
Eu creo, QUECARALLO, que si poden ser rendibles “cualquier cosa” en galego, e, de feito, xa o son. Pero, iso si, unha rendabilidade tranquila, modesta, para vivir. Agora ben, para forrarse pode que teña QUECARALLO razón. Claro que estes criterior son os que levaron a economía a onde estamos.
Pepe, o ánimo de lucro non ten a culpa de nada. O ánimo de lucro é natural e consustancial á natureza humana, é o que nos fai elixir unha mazá sá antes que unha podre. Nin máis nin menos.
Que é ‘rendadibilidade tranquila’? Quen marca o nivel? Con que criterio?
“o que nos fai elixir unha mazá sá antes que unha podre” ? E eu que pensaba que era o que facía que nun mundo onde producimos o dobre da cantidade de alimentos que precisa toda a poboación do globo teñamos un pequeno número de países con obesidades morbidas e fame infantil e crónica noutros …
Pablo, o ánimo de lucro creo que si é responsable de moito. Elixir unha mazá sa antes que unha podre é de sentido común, un criterio que ás veces está lonxe do ánimo de lucro.
¿Rendabilidade tranquila? Pois é aquela que te permite vivir, non forrarte a todaostia; é aquela que non deixa vítimas, que crea base… mesmo crea cultura…