O último hit hipster: libros de colorear para modernos

Thrill Murray

Pode ser que ti non o notaras, pero onte foi un día importante: saíu á venda ‘Thrill Murray’, o primeiro (non podemos imaxinar que haxa máis) libro de colorear centrado na figura de Bill Murray. Estás a ler estas liñas unha e outra vez porque non acabas de crer que nos teñas entendido ben. Pero si, é exactamente iso: un libro de ilustracións para colorear como os que enchías de pequeno, só que con debuxos que mostran a Bill Murray en distintas escenas das súas películas.

Pero o de ‘Thrill Murray‘ non é o primeiro caso dun libro de colorear para adultos (porque si, é para adultos, non llo regales aos teus sobriños). Como todo o que destinta certo arrecendo a infancia e nostalxia, a de colorear é unha actividade que gusta entre os hipsters e a industria editorial non está á marxe desta corrente.

Hai para todos os gustos. Os nosos lectores indies que tremen coa voz de Bon Iver e choran con The National serán felices se cae entre as súas mans ‘The Indie Rock Coloring Book‘, publicado pola ONG máis indie do mundo, Yellow Bird Project. No libro, diversas ilustracións de Andy J. Miller poñen liñas e formas a grupos como Rilo Kiley ou The New Pornographers. Matt Berninger, cantante de The National, asegura na contra que é decidiu ter fillos tan só “para ter a alguén a quen darlle este libro”.

Outra opción para todos os que estades atados aos anos 90 (como Travis) é a de ‘Let’s paint the ’90s‘, un album no que é posible poñer cor a algúns dos momentos máis memorables da década: a primeira aparición de Jennifer Aniston en Friends co corte de pelo de Rachel (1994), a foto de Hugh Grant cando foi detido pola policía de Los Angeles (1995) ou Sinéad O’Connor rompendo unha foto do papa Juan Pablo II.

En Etsy, por suposto, tamén hai que xa se ten feito eco da tendencia, e xa existe ‘The Hipster Coloring Book‘, “18 páxinas de actividades e ilustracións para colorear que gritan ‘son hipster!'”. Gafas de pasta, distintos peinados con flequillo, un radiocassette, bigotes… Na mesma liña vai o ‘Cuaderno‘ de Blackie Books que, se ben non ten nada para colorear, si trae mil actividades clásicas dos cuadernos de vacacións de cando eramos nenos adaptadas ao mundo dos modernos.

Claro que non é necesario comprar ningún destes libros especiais para adultos para volver a colorear como cando eras pequeno e seguir sendo, á vez, un hipster. Por que non mercar un libro de colorear normal e adaptalo á túa moderna personalidade? O resultado pode ser tan fantástico coma o destes dinosaurios hipsters que pensan que gritan que Elliott Smith era un xenio.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará