Libraría Café Rinoceronte: biscoitos e boa lectura

Librería Rinoceronte

Se me preguntaran que negocio me gustaría montar respondería sen dúbida que unha cafetería- libraría (ou cafetería-biblioteca). O arrecendo dun doce listo para ser engulido polo leite, un libro ao carón da cunca, títulos, títulos e máis títulos prometendo un mundo salvaxe e inexplorado ao redor…parece ou non que estás a ofrecer o paraíso?

Aínda que a min xa me explicaron que traballar nunha libraría non é sempre tan romántico como parece, ese paraíso existe e está en Cangas. Alí abriu a editorial Rinoceronte unha libraría café hai tan só un mes co obxectivo de dar a coñecer todo o que están a facer, e facelo no ambiente oportuno.

Trátase dun espazo moi limpo, de clara inspiración escandinava, con paredes brancas e mobles en madeira clariña. Os andeis mostran toda a obra de Rinoceronte, así coma doutros selos (Pulp Books, Morgante)  e doutras editoriais achegadas coma Edicións Barbantesa, Patas de Peixe ou Urco. En total, máis de 160 títulos. A algúns dos autores dos libros podédeos atopar en fotos enmarcadas orixinalmente nas paredes. E ademais de libros venden merchandising, cuncas de libros coma ‘Arthur e George’ e ‘O bosque dos raposos aforcados’ ou camisetas de Rinoceronte.

Rinoceronte en Cangas

Unha libraría-cafetería non é algo que esteamos moi acostumados a ver por estes lares, e Alba Rodríguez, que atende o local, explica que non todo o mundo entende moi ben como funciona iso: “podes vir a tomar algo, e de pasos botas unha ollada aos libros, podes vir simplemente a mercar os libros, ou podes vir a tomar unha ensalada do menú do día…”. Desde Rinoceronte, Moisés Barcia apunta que o de libraría-cafetería é un concepto moi europeo, que se ve bastante cando viaxas por Berlín ou Helsinki, pero non tanto en Galicia.

O obxectivo é dar a coñecer toda a obra de Rinoceronte (que abrangue desde audiolibros ata poesía, pasando por narrativa clásica e contemporánea ou cómics), pero Moisés tamén recoñece unha motivación máis egoísta: “Apetecíame un sitio chulo onde tomar o café, que non fose como os típicos bares españois onde soan os 40 principales e atopas revistas lúgubres… Quería un sitio sen televisión, cunha decoración non agresiva, onde soase jazz de fondo e onde se puidese tomar unha ensalada lixeira antes de volver ao traballo…”. E é que na libraría tamén se pode gozar dun menú do día rico e moi saludable, baseado nas froitas e verduras de tempada.

Leva aberta moi pouquiño tempo e é difícil facer valoracións sobre a acollida da libraría café, pero polo momento están contentos co resultado. “Hai de todo, xente que vén de lonxe, ás presentacións, por exemplo, e aproveita para levar todo o que pode, e outra xente, que vive por aquí, e claro, vén máis a tomar algo que a mercar”. Aínda que as dúas cousas van unidas: “normalmente se ves a tomar un café pícate a curiosidade e miras libros, e se compras un libro invitámosche ao café“. Coa poboación flotante que hai nos meses de verán en Cangas, tamén contan con visitantes que non esperaban: “Veñen os jodechinchos, cos nenos, coa avoa, e entran a ver os libros… e ao decatarse de que están en lingua indíxena foxen espavorecidos”.

Para todos os demais, a libraría café de Rinoceronte é, sen lugar a dúbidas, un sitio ao que volver. Café, tranquilidade, e sobre todo, montóns e montóns de bos libros.

Podes visitar a Libraría Café Rinoceronte en Cangas, na Avenida de Bueu número 15.

 

Shares

    5 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *