Setembro foi o mes no que volveron as choivas, aínda que foi tamén o mes no que chegou, por fin, o verán. Nós estivemos un pouco mono-temáticos na primeira semana falando da nosa Disquefesta, pero tamén tivemos tempo para contarvos moitas outras cousas.
Co bo tempo que fixo, ata que chegou, moi puntual, o outono, seguro que pasaches moito tempo na praia e pouco léndonos a nós. Non te preocupes: non somos rancorosos! Aquí tes a lista do máis lido en setembro, para poder así ter temas de conversa cos teus amigos.
5. E chegou a Disquefesta! Non o críamos nin nós, pero ao final a Disquefesta chegou e o pasamos moi ben. Coincidiu tamén co mellor día de praia do ano, así que fixemos unha pequena crónica para todos os que decidistes pasar o día tirados na area.
4. 10 razóns polas que non debes faltar á Disquefesta. Con todo o que escribimos sobre a Disquefesta, normal que un par de posts se colasen entre o máis lido de setembro. Entre estas dez razóns para non faltar estaban a boa música, a guerrilla laneira ou o noso fantástico photo-booth.
3. A Vida Portuguesa e a rúa máis cool de Porto. Que fans somos de Porto! E, claramente, vós tamén. Desta vez falamos dunha tenda moi especial, A Vida Portuguesa, con produtos tradicionais que nos levan a outras épocas. Ademais, aproveitamos para recomendar toda a zona Baixa, cun par de rúas ateigadas de tendas e bares do máis cool.
2. Este venres todos a facer PARK(ing)! Un ano máis celebrouse o Park(ing) Day, un día no que hai que ocupar unha praza de aparcamento e facer nela algo alternativo, como un pícnic! En Vigo, outra vez, foron os responsables do Espacio Nido os encargados de traer a iniciativa á cidade.
1. Libraría Café Rinoceronte: biscoitos e boa lectura. Botamos en falta lugares así, verdade? Librerías nas que podes tomar un café, cafeterías nas que podes mercar libros. Agora xa non hai que ir a buscalas a outros países ou outras cidades: en Cangas está a Libraría Café que vén de abrir a editorial Rinoceronte.
PLUS. Hellocooking: aprender a cociñar pode ser divertido (e cool). En plena época de crise empezamos a recortar os nosos gastos extra: por que non facer nós a comida que nos poderían servir no restaurante máis cool? Para aprender tan só hai que ir a algún dos cursos organizados por Hellocooking en Santiago de Compostela.