Espacio Nido: o coworking xa está en Vigo

Espacio Nido

Ramón, Iria e Alberto, do estudo de arquitectos Arquétipos

Traballar na casa pode parecer algo ideal para quen nunca tivo que facelo. Soños como o de poder pasar todo o día en pixama, organizarse un mesmo o horario e esa flexibilidade case extrema, están bastante estendidos. Non obstante, calquera que leve un tempo nesa situación saberá que os inconvenientes non tardan en aparecer: é necesaria moita forza de vontade para que o da flexibilidade de horario non se converta nun “todo a última hora”, se tes que recibir a clientes o de pasar o día en pixama xa non funciona e ao final é posible que un traballe máis horas que se fose a algún lugar cun horario. A saúde mental tamén perde un pouco.

El Artesano Web, recén instalado

Para todos estes profesionais existe unha solución xa moi habitual en moitos países europeos e en Estados Unidos e cada vez menos estraña aquí: o coworking. Trátase de alugar un posto de traballo nun espazo compartido, o que axuda non só a ter máis separados o mundo do doméstico e do profesional, senón que axuda á saúde mental ao ter alguén con quen falar e ademais impulsa a creatividade e facilita as colaboracións entre profesionais. Temos en Galicia? En A Coruña hai un desde hai xa tempo, e en Vigo acaba de inaugurarse outro: o Espacio Nido.

Este espazo de coworking, situado nun baixo da rúa Manuel Núñez, foi creado por Ramón, Iria e Alberto, que xuntos forman o estudo de arquitectos Arquétipos. “Levábamos tempo traballando desde a casa e vendo a posibilidade de ter un local a pé de rúa”, explican, pero claro, “vendo prezos e gastos era bastante complicado para asumilos nós sós”. Conclusión? Crear un espazo de coworking a través do que “facer eses gastos asumibles e coñecer a xente”.

Porque a vantaxe principal dun espazo deste tipo non é só o de compartir gastos ou salvar a saúde mental. O coworking leva de forma natural á colaboración entre os profesionais que se atopan no mesmo espazo. “É algo moi atractivo desde o punto de vista da creatividade, traballar entre arquitectos, deseñadores, toda a xente desta rama”, explica Ramón Viéitez, de Arquétipos, “pero é tamén interesante para colaborar con profesións máis técnicas, con enxeñeiros, despachos de avogados… ao final os nosos camiños sempre se cruzan”.

O Espacio Nido leva tan só unha semana funcionando (tras un par de meses no que os tres arquitectos prepararon o local coas soas propias mans), pero de momento parece que non lles vai mal. “Aínda non estamos completos, temos libre o despacho e un par de mesas, pero xa enviamos moitos presupostos, parece que hai interese”. E é que o do coworking é algo que está a ter bastante cobertura mediática e a xente xa empeza a buscar este tipo de espazos. E Vigo aínda non tiña o seu.

Espacio Nido

E se unha das ideas detrás do concepto de coworking é a da colaboración entre profesionais, que existan tamén acordos e asociacións entre espazos de coworking é simplemente lóxico. En Espacio Nido teñen xa un convenio con The Room, o espazo de coworking de A Coruña, de forma que os socios dun poden utilizar tamén as instalacións do outro e viceversa.

No Espacio Nido están a traballar xa, ademais dos arquitectos, a deseñadora gráfica Itrynottothink, o programador web El Artesano Web e Rec Label, unha empresa de A Coruña que ás veces utiliza as instalacións para dar cursos de gravación de audio. Pero aínda teñen sitio para máis. Por que debería alguén deixar de traballar na casa e mudarse a algún lugar de coworking? Eles téñeno claro: “Para non esquecer cambiar as zapatillas cando vén algún cliente. Quedas moi mal”.

*Espacio Nido está en Vigo, na rúa Manuel Núñez, 35 baixo. Podes atopar a súa información de contacto no seu Facebook e consultar prezos e opcións.

Fotos | Disquecool

Shares

7 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *