Probamos: GlossyBox, minicosmética a domicilio

GlossyboxHai unha nova moda no mundo da rede. Consiste en mandar cousas pequeniñas a domicilio en caixas e recupera a ilusión que a todos nos facía recibir cartas. Quen na infancia non se escribía cunha amiga por correspondencia para ter uns sobres agardando na caixa de correo, coas facturas que recibían os pais? Agora, chegados á idade adulta, non hai porque intercambiar secretos cun descoñecido. Pódese pagar a alguén para que directamente o faga. E que ademais a chegada de algo á túa caixa de correo sexa máis próximo ao día de Nadal que á apertura dunha retro misiva.

Esa filosofía é a que da forma a GlossyBox, unha empresa que acaba de chegar á España e que xa funcionaba en outros países (para tristeza das bloggers de moda e beleza peninsulares). O modo de funcionamento é moi sinxelo: unicamente hai que subscribirse na web, pagar 10 euros (con tarxeta ou con PayPal) e sentarse a agardar polo paquete. O sistema pídeche que enchas un completo test de beleza (aínda que non deixa moito campo á imaxinación… que pasa se a túa pel é de dous tipos distintos pero non é mixta?… pois que non terás onde poñelo) e de estilo, así como de gustos (co clásico como coñeciches GlossyBox…).

O pago e o test son a garantía de que a finais de mes (sempre é a finais de mes, da igual o pronto que te deas de alta) recibirás na túa casa unha caixa con cinco miniaturas de produtos de cosmética de alta gama. A cosmética e a perfumería diferencia entre o gran consumo (Maybelline e similares) e o selectivo (esas cousas tan caras das tendas de cosmética), así que a alta gama garantiza que non darás con borralla. Agora ben, en todo momento queda claro que o que vas recibir non van ser produtos enteiros, senón frascos pequenos.

Para facer esta proba subscribín a caixa Entroido, que chegaba xusto despois desa festa. O primeiro que sorprende da GlossyBox é a súa presentación: unha caixa corporativa que chega as túas mans por mensaxeiro. Dentro ven unha caixa rosa, máis pequena, de cartón do bo. Os produtos están neste segundo paquete, empaquetados con papel pinocho e en medio de virutas de papel (que si, ocupan elas toda a caixa, pero que crean a sensación de estar consumindo algo de super mega luxo). Nesta primeira proba chegaron catro miniaturas, dúas delas de marcas que non coñecía, unha de salón de peiteados que non me fixo moita ilusión (a saber o que puxen cando falei do cabelo…) e outro dunha marca bastante selecta (Alqvimia) que non probaría se non fose porque chega na caixa. O produto, un aceite reafirmante antiaging, tampouco é a clase de cousa que iría mercar con ledicia desbordante a unha tenda de cosmética. A xoia da coroa foi, sen embargo, unha base de maquillaxe da liña Studio Secrets de L’Oreal que é o produto orixinal (cos seus 9 ml de stick orixinal).

O que deu de si a miña GlossyBox

É demasiado pagar dez euros por algo así? Paga a pena? A subscripción renóvase de forma automática, aínda que podes darte de baixa cando queiras con só dar dez días de marxe. O packaging e o servizo vía mensaxeiro xa valen os dez euros, aínda que haberá que ver se as próximas caixas chegan ao nivel da recibida. O test que-din-as-amigas mostra resultados encontrados: unha parte pensa que estás a pagar por recibir as mostras que che dan cando compras un perfume (son máis grandes, a crema hidratante corporal é, por exemplo, modelo subir ao avión con ela) e as que pensan que pode ser unha maneira divertida de probar cosméticos diferentes e novos (aínda que se sempre mandan un produto que encaixa tan pouco coa persoa como é o caso do serum de Schwarzkopf desta volta…).

En resume, un capricho non excesivamente caro que che garantizará a ilusión de ter cada mes un paquete e, sobre todo, a emoción de abrir unha caixa ben mona sen saber que che espera dentro.

Fotos | Glossybox, Disquecool 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *