Memorias de un hombre en pijama: humor kidult

‘Memorias de un hombre en pijama’ recompila as viñetas publicadas por Paco Roca  semanalmente no xornal Las provincias, ao longo de ano e medio. Nesas viñetas retrátase a si mesmo -cumprido o seu soño infantil de poder pasar todo o día en pixama- aos seus amigos e á sociedade en xeral, desde un punto de vista de humor amable (pero non por iso pouco agudo).

No prólogo aprendemos que desde Las provincias se lle pediu ao autor facer algo sobre un perfil crecente da poboación: os kidults. Xa sabedes, eses tipos de trintaemoitos ou corentaepoucos que seguen vivindo coma se tivesen vintealgo (pero con máis cartos e con certo verniz cultureta). Roca adaptou a idea e fixo un cómic sobre si e sobre os que o rodean (que en parte poden ser identificados con ese perfil ).

Tiras cómicas breves, onde se nos mostran as inseguridades do autor, pero dun xeito moi entrañable. Hai moito espazo para a auto-identificación, porque… quen non tivo que enfrontarse algunha vez a temas coma a procrastinación, non saber que regalar á parella, un amigo recén rexeitado ou decidir que vestir para recoller o Premio Nacional de Cómic! Tamén podemos xogar á identificación doutros, a través de arquetipos que funcionan á perfección á hora de facernos esgallar un sorriso: o amigo ligón, o que está en plena crise dos 40,  o grupo  que xa non ten nada en común, a nai que coida dos fillos a través dos tápers…

Se podo dicir algo malo do libro é que se nota a evolución da desgana do autor. As primeiras viñetas son tan graciosas que me fixeron chegar tarde á cea de Nadal. As últimas non son malas, pero falta certa chispa. O que se entende cando na última páxina descubrimos que para o autor se convertera nunha obriga un pouquiño tediosa.

Un cómic costumista, de corte autobiográfico, que nos presenta moitos comportamentos universais a través dos  propios do entorno minuciosamente observado por Paco Roca. E sempre é ben divertido ver o estúpidos -ou simplemente ineficaces- que somos ás veces.

Publicouse a finais do ano pasado por Astiberri.

Shares

    3 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *