Descubrindo ao taxista do tsar

Sigmund Freud tiña unha idea moi interesante. Dicía que os nenos acaban inventando unha novela da súa familia, acaban fabulando sobre a verdade dos seus orixes e acaban sendo todos fillos, netos e tataranetos de xente moito máis glamurosa e interesante que os seus aburridos e reais familiares. A teoría da novela da familia posiblemente sexa máis complexa que o que acabo de enunciar nun par de liñas, pero hai xa algún tempo que escoitei falar por vez primeira del, cando nunha clase me desvelaron o fascinante mundo da autoficción.

Que é a autoficción? A autoficción é unha mentira con todas as trazas da realidade: historias confusas nas que os protagonistas se chaman igual que os seus autores e nas que pasan cousas novelescas que acaban levando ao lector do 2.0 a preguntarlle a Google canto de mentira e canto de verdade ten o que acaba de ler. Posiblemente todo sexa mentira, pero iso non quita que o autor e a súa obra queden marcados por sempre por certo confuso misterio. ‘Els taxistes del tsar’ non é autoficción, pero coñecer ese concepto é bastante interesante para afrontar o que se vai ler. Asínaa –  esta en parte novela, en parte diario, en parte biografía – Joan Daniel Bezsonoff, un autor francés do Rosellón que escribe por tanto en catalán e que ten orixes rusas. 

Bezsonoff nunca escoitou falar do seu avó, unha especie de tema tabú na súa casa. Mitrofán Bezsonoff chegara a Francia, un exótico ruso branco partido no exilio tras a Guerra Civil que seguiu á Revolución de Outubro. Como tantos outros rusos chegados a Francia nos anos 20, fíxose taxista. Casou cunha rapaza do Rosellón e tivo dous fillos, que nunca falaron realmente del e deixaron aos seus netos sumidos nun certo misterio sobre as raíces.

Esas curiosas raíces –  e esa herdanza rusa que tantos problemas lle deu ao autor cando era pequeno e os nenos se rían do seu pintoresco apelido – son o vehículo dun libro que non acaba de ser historia familiar. Joan Daniel Bezsonoff non escribe unha saga (aínda que ten material para un best seller), senón que analiza e reflexiona sobre os feitos que protagonizaron os seus antepasados e conta como conseguiu dar con eles.

Un moi curioso e exótico libro que se pode ler dunha sentada. 

*Els taxistes del tsar está en catalán, en Empuries, e traducido ao castelán en Barril & Barral. Non está en galego. 

Foto | The Library of Congress

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *