Hoffice: converte a túa casa nun espazo coworking

hoffice

O coworking está xa tan metido nas nosas vidas e nas nosas cidades que cremos que estivo sempre connosco, pero hai só tres anos que celebrabamos a apertura do primeiro espazo deste tipo en Vigo (e agora hai moitísimos!). Compartir oficina é boa idea por moitas razóns, pero tamén é certo que non todo o mundo conta co presuposto extra para gastar no aluguer dun posto (xa sabemos como viven —vivimos— de afogados os autónomos). Traballar na casa segue a ser a única opción para moitos profesionais freelance, saíndo a algunha cafetería con wifi ou á biblioteca para variar un pouco.

Calquera que teña traballado na casa durante un tempo sabe perfectamente que é o peor deste modo de vida: a soidade. Eu lembro que neses meses nos que a miña oficina compartía espazo co meu dormitorio, cando as miñas compañeiras de piso volvían a iso das 7 da tarde dos seus traballos eu non facía máis que perseguilas pola casa. Contacto humano! Pero, e se puidese abrirlles a miña casa a outros freelances para que viñesen a traballar aquí? E se de cando en vez fose eu a traballar a casa doutras persoas? Esa é precisamente a idea de Hoffice.

Hoffice é unha iniciativa sueca pensada por un psicólogo freelance especializado en produtividade que hai un ano tivo a idea: invitou á casa a outros autónomos (moito xornalista, deseñador e programador), puxo unhas normas, e comezou o experimento. O procedemento é sinxelo. Como se supón que os humanos non somos quen de concentrarnos durante máis de 40 minutos seguidos, a iniciativa Hoffice propón sesións de 45 minutos de traballo, seguidas de descansos de 10 minutos nos que facer uns estiramentos, charlar, meditar ou facer unha minisesión de baile. Despois, de volta ao traballo. E parece que funciona: o que empezou como un experimento entre amigos é xa un movemento que se extende por Suecia e polo mundo.

É fácil ver por que a idea ten éxito: traballar con outras persoas aumenta a produtividade, ademais de poñernos de mellor humor. E non, quizais traballar nun sofá co portátil sobre os xeonllos non sexa o máis cómodo, pero para un día está ben. Ao contrario dos espazos coworking, nos que tes un pequeno compromiso extra (estás a pagar e, en moitos casos, tes un contrato cunha duración determinada), Hoffice ofrece máis flexibilidade. E é gratis, si, unha especie de Couchsurfing da produtividade que entende que todo o mundo sae beneficiado polo intercambio.

Competencia desleal para o coworking? Máis ben a aparición dunha nova opción para ter máis variedade. Hoffice funciona por eventos e o normal non é que unha persoa estea a acoller sempre a outros freelances na súa casa, senón que se trata máis ben de xuntanzas puntuais. De feito, moitos dos adeptos do Hoffice teñen tamén o seu posto nalgún espazo de coworking.

O mellor do movemento é que é internacional e aberto a quen queira participar. Podes acudir á web e seguir os pasos para levar a iniciativa á túa cidade: familiarizarte con como funciona todo, abrir un grupo en Facebook chamado “Hoffice en [a túa cidade]”, invitar a xente, facer un par de probas con amigos e lanzarte abrir a túa (f)oficina a quen se queira apuntar. Unha opción máis para todos os profesionais freelance que queren traballar mellor e deixar de estar en pixama.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *