Resetea: os cogomelos que naceron do café

cogumelos

Dun tempo a esta parte púxose bastante de moda iso de cultivar cogomelos na casa. Só tes que mercar unha bolsa, deixala nun lugar fresco e húmido, coidala de xeito adecuado, e uns días despois verás crecer os teus fungos. Para os que vivimos na cidade, os tomates do balcón e estas setas son o único xeito de saber de onde sae o que comemos.

Pero se quen ideou o dos “kits de cogomelos” xa tivo unha gran idea, hai quen incluso vai máis lonxe. Por que non colaborar a eliminar un residuo masivo de paso que cultivas a túa comida? Ese é o obxectivo de Resetea, onde se utilizan os sedimentos do café como substrato para os cogomelos.

Una idea orixinal e, a ollos dos ignorantes na materia, bastante estraña. Ocorréuselle a Iñaki Mielgo, biólogo que en 2011 se atopaba investigando o cultivo de fungos. Soubo dun grupo de traballo internacional chamado ‘Economía azul’, no que cultivaban setas sobre diferentes substratos, entre eles, o café, e decidiu probalo na casa. Así que comezou a recompilar sedimentos de café das cafeterías próximas para facer probar e máis probas no seu apartamento de 25 metros cadrados, deixando os cogomelos crecer no armario, o lugar máis escuro e húmido da casa. E así continuou ata que chegou a unha fórmula cunha porcentaxe de éxito moi elevada.

Nesa fórmula, máis do 80% do contido son sedimentos de café reutilizados, un residuo moi tóxico que emite grandes cantidades de CO2 e metano á atmosfera. E que é moi abundante, só hai que pensar no café que se pode consumir cada día, (e só o 0’2% del acaba na cunca, o resto vai directo aos vertedoiros). Iñaki atopou así unha solución perfecta e moi sostible, xa que os cogomelos metabolizan a cafeína e a transforman en proteína, e os sedimentos do café convértense nun magnífico abono natural con nutrientes moi favorables para o chan. E decidiu converter esa idea nunha empresa.

Hoxe Resetea está formada por catro socios e amigos de toda a vida con perfís moi diferentes: Iñaki (biólogo), Beltrán (informático), Cristian (licenciado en ADE) e Luís (deseño gráfico). O produto que venden é o kit de autocultivo: unha bolsa de micelio de cogumelos ostra incubado sobre sedimentos de café- que recollen a diario das cafeterías viguesas-, que só tes que somerxer en auga durante unhas horas e onde crecerán os cogomelos ao cabo de 15 días (despois toca a mellor parte: recoller e cociñar, claro). Cada kit custa 19’90 euros -está á venda na súa web, en feiras ou en tendas como Fnac-, e podes obter ata 3 colleitas, que roldarán os 700 gr. en total. E cando remates cos cogomelos, poderás usar o substrato como abono para as túas plantas.

E isto non é máis que o principio, porque para Resetea “os residuos non existen, son só a base para crear un novo produto”. De feito, neste momento investigan novos residuos que lles poidan servir de materia prima para elaborar novas liñas de produción que nada teñen  que ver nin cos cogomelos nin co café. Como nos explica Luis: “O noso obxectivo é valorizar residuos, cantos máis mellor, e así concienciar á sociedade da importancia de preservar o planeta e os seus recursos”.

resetea

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *