Podería ser un pesadelo. Zombis chegados de non se sabe que ultramundo, cos brazos estendidos, perseguíndonos polas rúas de Vigo mentres fuximos aterrorizados. Pero o certo é que, aínda que os zombis tomarán esta semana a nosa cidade, estamos máis ben contentos (e se un é un pouco friki, probablemente estea ata entusiasmado).
Porque o farán dentro do festival Boom! Film & Comic, que se desenvolve entre o 9 e o 14 de marzo; e non serán os únicos. Monstros, superheroes ou personaxes chegadas do futuro serán outros dos protagonistas da primeira edición do único festival adicado a ciencia ficción de Galicia. Nel se darán cita os mellores filmes, comics, series e videoxogos da cultura pop, á semellanza coa Comic Con International de San Diego, que serviu de inspiración á hora de idear este evento.
Pero que atoparemos exactamente no Boom! Film & comic? Poderíamos dividir o programa en dúas grandes tipoloxías: cine e feira do sector.
Desde onte e ata o xoves 12, poderás gozar de filmes de ciencia ficción, terror, fantasía e animación por só 3 euros. Será na sala teatro Artika (todos os días as 16:00 horas) e nos cines Gran Vía (ás 18.15), onde proxectarán películas como ’30 moedas’, ‘Ono Humans’, ‘Domo’, ‘Deep: O clube’, ‘Villorrio del caudillo: paletos e coitelos’ ou ‘O quinto evanxeo de Gaspar Hauser’.
Aínda que o prato estrela do festival é a feira de cómic, videoxogos e ciencia ficción (onde tamén terán un lugar importante televisión e cine) que poderemos visitar os días 13 e 14 de marzo (venres e sábado) no Auditorio Palacio de Congresos Mar de Vigo. A entrada custa 7 euros e máis alá do mercado de cómic, teñen tamén diversas actividades como encontros con autores e firmas, presentacións exclusivas de series de televisión, nacionais e internacionais, do xénero, obradoiros de cómic, videoxogos e cine, ou unha exposición con pezas orixinais de filmes de ciencia ficción e fantasía. Tamén interesantes micro master class de 15 minutos nas que profesionais do sector darán algunhas claves sobre o seu oficio. Na web do festival podes ver todo o programa e os invitados que participarán, entre os que salientan Eduardo Gómez, a revista Mongolia ou Kenny Ruiz.
Detrás de Boom! Film&Comic está a produtora Blackhouse, que pretende facer deste espazo un punto de encontro lúdico, multitudinario e multidisciplinar para todos os amantes da ciencia ficción, da fantasía, e por suposto, dos zombis, que camparán as súas anchas polo auditorio Mar de Vigo.