Bailar ás 6:30 da mañá. Onde está a novidade? Case todo o mundo o ten feito algunha vez na súa vida. O que posiblemente non fixeron foi erguerse a esa hora para ir a unha rave coa que empezar o día, na que non hai alcohol, nin drogas, senón café e zumes de froita fresca. O equivalente ao de saír a correr a primeira hora da mañá, pero máis divertido e cun compoñente social extra. Quen fai algo así? En Estados Unidos está a se converter en tendencia.
A idea é sinxela. Está máis que probado que empezar o día facendo exercicio antes de traballar axuda a aumentar moito a produtividade e, nesta época obsesionada cos resultados e con optimizar o noso tempo, toda iniciativa deste tipo ten éxito. O de saír a correr ou visitar o ximnasio antes do traballo, tendo que erguerse aínda máis cedo, non obstante, non é moi motivador para moita xente. A cousa cambia se o que se ofrece e ir a unha festa.
A priori, a idea é ben rara, pero os seus defensores e practicantes din que todo é afacerse. As sesións empezan moitas veces cuns minutos de ioga para espertar corpo e mente. Despois xa aparece o dj e toca bailar como se non houbese mañá ou como se en dúas horas non foses a estar sentado na oficina traballando. O bo é que o de ir de reenganche ao traballo directamente desde unha destas festas non significa loitar para ser quen de pensar e non quedar durmido sobre o teclado.
E como toda festa, estes eventos son perfectos para coñecer xente ou, en lenguaxe corporativo, facer networking. Esa é unha das cousas que destacan moitos dos que xa asisten con regularidade: como de momento onde máis éxito teñen é en lugares nos que hai moita startup, todo o mundo está aberto a facer novos contactos e quizais iniciar tamén colaboracións, pechar acordos ou abrir novas posibilidades de negocio.
De momento hai só un par de empresas que están a facer este tipo de eventos, Daybreaker en Estados Unidos e Morning Gloryville en Reino Unido. Estes últimos, non obstante, xa o fan en moitas outras cidades, Barcelona incluída. Sempre, por suposto, entre semana.
Quen non estaría moito máis activo e de bo humor este luns se tivese empezado o día na pista de baile?
Foto: Daybreaker