Cociña como se vivises no século XVII

receitas século XVII

Non hai dúbida posible: a cociña está de moda. Atrás quedaron os tempos en que a xente cool ía cada noite a un restaurante diferente, agora o que triunfa (como ben saben os produtores de Masterchef e programas similares) é cociñar na casa. Ou intentalo.

Os blogs de cociña e de postres crecen como setas e entre os libros máis vendidos sempre hai algún de cociña. Xa todo está visto: desde as receitas máis exóticas ata as desconstrucións futuristas. Que queda entón para innovar? Volver ás orixes.

E non falamos aquí da aposta forte pola cociña tradicional (que tamén mola, si) nin da paleodieta (que seica tamén está de moda, pero non mola nada). Falamos agora de cociñar seguindo as instrucións dos nosos antepasados -nun senso amplo-. Probar os pratos que triunfaban nos séculos XVII e XVIII, algo que é moito máis sinxelo desde que existe o blog “Cooking in the archives”.

Trátase dun fantástico proxecto levado a cabo por Alyssa Connell  e  Marissa Nicosiadúas investigadores en literatura inglesa que recibiron financiación da Universidade de Pensilvania para atopar e actualizar receitas de libros de cociña de entre 1600 e 1800. No blog atopamos unha imaxe do texto orixinal (sempre a man), a transcrición desde texto, e instrucións actualizadas para facer esas receitas en casa (con fotos do resultado). Por suposto, é unha idea fascinante nunha dobre dirección: como arquivo histórico de usos e costumes, e tamén como fonte de nova inspiración culinaria.

O primeiro que chama a atención é que as receitas de antes non son como as de agora. Non so porque no supermercado atopamos ingredientes que aínda non existían, senón tamén porque aparecen outros que se extinguiron. Ou palabras que xa non se usan (por non falar das faltas de ortografía e da mala letra!). Ademais de que as instrucións non son claras, senón que toda a receita é unha especie de relato na que cada quen se expresa como pode. Sen embargo, Connell e Nicosia só necesitan 15 minutos para “traducilas” e facelas entendibles para los aficionados á cociña contemporáneos, incluíndo ingredientes fáciles de conseguir e tempos de cocción adecuados para emular un tempo no que non existían os fornos.

potingall-cakes

Desde que comezaron co proxecto, en xuño do ano pasado, levan xa atopadas e traducidas xa 18 receitas. Entre elas salientan os doces (maccarons con améndoas valencianas, pudin de laranxa, follado de chícharos -que en realidade leva cereixas e non chícharo ningún-), pero tamén hai pratos principais como langosta asada e ata bebidas como a limoada.

A única mágoa é que é un arquivo no que únicamente aparecen receitas anglosaxonas. Estaría ben poder conseguir algún libro de cociña galego do século XVII e facer o propio. Deixoo no aire por se alguén quere quedarse coa idea.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *