Kakuhido: a guerrilla xaponesa que loita contra San Valentín

sumall-popsicle-valentine

Como todos sabemos mañá será o día de San Valentín, unha xornada de exaltación do amor eterno gracias a unha avalancha de flores, bombóns e mensaxes de ‘quérote’. O día de San Valentín ten unha historia moi longa que se remonta aos antigos romanos (que sorteaban quen che tocaba de parella e se entregaban a unha especie de orxía para celebralo) e que foi convertida en festa piadosa polos primeiros cristiáns. Logo, alá polo fin da Idade Media, empezaron os poemas de amor e no século XIX o mundo das tarxetas de felicitación (isto todo é un resumo dos moitos artigos que se publican cando chega o día sobre o tema) e no XX San Valentín mutou en festa comercial na que o moito que se vende é máis importante que a idea do amor romántico (o que sexa).

Isto fixo que as tendas se enchan de corazóns, que todo o mundo se entregue a unha pulsión por vestir de encarnado e prometer amor eterno e que a sociedade cre unha necesidade de non chegar ao 14 de febreiro sen parella. Por suposto este estado das cousas creou moitos haters e agora tamén grupos de resistencia. Chegan de Xapón pero seguro que alguén decide importalos nalgún momento.

A guerrilla anti San Valentín é a Kakuhido, que se traduce (segundo The Guardian) como a Alianza Revolucionaria de Homes a quen as mulleres atopan non atractivos. E como guerrilla que son van loitar contra o día e todo o que simboliza (no Telegraph lembran que en Xapón teñen un certo problema agora mesmo de desinterese polo amor entre os máis novos, así que claramente este país era o que presentaba o mellor caldo de cultivo para algo así). A súas previsións son as de marchar por Tokio mañá en manifestación e aproveitar para censurar publicamente a todas as parelliñas de namorados que ousen pasear o seu amor nese momento pola rúa (cren que “flirtear en público é terrorismo”).

Os membros deste grupo acusan á sociedade de deixarse enlear por unha febre comercial que os impulsa a celebrar unha xornada a todas luces falsa. “A conspiración manchada de sangue do día de San Valentín, creada polos opresores capitalistas do chocolate, volve unha vez máis”, alertan.  A retórica old-style sobre a opresión capitalista ten unha explicación (e non ten nada que ver nin coa emerxencia dos movementos de esquerdas nun mundo en crise nin con a moda do vintage). Kakuhido foi fundada no 2006 por Katsuhiro Furusawa, quen decidiu refuxiarse na lectura do Manifesto Comunista cando a moza o deixou quedar. Quen lle diría a Marx e a Engels que se ían converter en medicina para os corazóns rotos?

Shares

Etiquetas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *