10 razóns polas que non debes faltar á Disquefesta

Se les Disquecool esperamos que o dia 15 de setembro estea ben marcado na túa axenda. É a nosa primeira celebración offline e queremos coñecerte! Durante toda a xornada poremos en práctica no Liceo Mutante moitas das cousas das que temos escrito no noso primeiro ano de vida: actividades lúdicas e deportivas cun toque hipster, retos literarios, unha exposición de arte postal, unha xuntanza de ukelelistas, música para mover o esqueleto e moitas cousas máis. Se pese a todo o que xa che contamos aínda estás dubidando (non deberías!), ao longo dos próximos días irémosche desvelando as 10 razóns polas que non debes faltar a esta primeira Disquefesta.

PROGRAMA

Para ir abrindo boca (esta tarde comezamos coa primeira razón…), avanzámosche os horarios da Disquefesta.

Máis vale que sexas madrugador/a, porque abriremos a partir das 16.00 horas con varias actividades. En cantas máis participes, máis posibilidades terás de facerte cos fantásticos premios que sortearemos.


Actividades

Acción laneira. A partir das 16.00 horas

Únete á guerrilla laneira! Prepara as agullas e anímate a deixar a túa pegada na intervención que vestirá de la un dos elementos centrais do Liceo Mutante.

Obradoiro de la. A partir das 18.00 horas

Ademais, se despois da guerrilla quedas con ganas de afondar nalgunha das técnicas laneiras podes facelo no obradoiro que impartirá Home Made Craftytalleres.

* Esta actividade será de pago. A contía incluirá tanto a clase como os materiais (máis información nos próximos días).

Olimpíadas Disquecool. A partir das 16.00 horas

Nos próximos días desvelaremos as probas das olimpíadas máis cool. Só adiantamos que aquelas persoas con gafas de pasta deberán permanecer atentas e que poderás pór en práctica habilidades xa esquecidas no patio do colexio.

Obradoiro infantil de arxila. De 17.00 a 18.00 horas

Se tes fillos, sobriños… que veñan tamén á Disquefesta! No obradoiro poderán dar forma aos seus personaxes favoritos en arxila dura. Ademais, recibirán un agasallo moi especial (aforo limitado).

Quedada Ukelelista. Actuación conxunta ás 20.30 horas (pero aparecede antes, porque así podemos ir ensaiando!)

Ukelelistas, ide afinando o voso instrumento porque mañá darémosvos todas as instrucións para que poidades ir practicando!

Música

18.30 h Os Amigos dos Músicos

21.30 h Santos Morcegos

+ Os nosos DJ invitados (Dr. Chou e DJ Chema), que amenizarán as actividades e prolongarán a festa para que poidamos seguir bailando despois do último concerto.

E ademais, durante toda a tarde:

– Exposición de Arte Postal

Aínda estás a tempo de enviar a túa obra!

– Photobooth

As fotos nunca poden faltar nunha festa. Ademais, no photobooth da Disquefesta terás á túa disposición complementos de todo tipo.

– Concurso ‘O mellor hipster’

Pronto publicaremos as normas de participación, pero vai practicando a pose e escollendo o atavío porque o gañador recibirá suculentos premios.

– Reto de escritura

Demostra en 140 caracteres as túas dotes de micronovelista.

PREMIOS

Nas distintas actividades e retos poderás entrar no sorteo ou competir por algúns dos produtos dos que estivemos a falar neste primeiro ano de vida, grazas a Kalandraka, XeraisRinocerontePunto G, KlingLe marché de Rachel, Oitenta, O Gato Cósmico e Laconicum.

COLABORA COA DISQUEFESTA

Sabemos que os tempos están complicados e non queremos que ninguén quede fóra da Disquefesta, por iso a entrada é gratuíta. Non obstante, non contamos con ningún tipo de patrocinio para cubrir os gastos da festa, polo que pedimos a túa colaboración.

Por 2 euros, participa nas actividades, asiste aos concertos e ademais leva unha chapa!

Por 6 euros, participa nas actividades, asiste aos concertos, leva unha chapa e ademais faite coa nova edición limitadísima da xa famosa bolsa de Disquecool.

O LUGAR

Lembrámoste que a Disquefesta se desenvolverá na sede do Liceo Mutante en Pontevedra (Rúa Rosalía de Castro, nº 100).

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *