Dun tempo a esta parte parece que hai unha invasión de nenos hispters. Podes velos en concertos e outras actividades festivas, cos seus pantalóns de pitillo e vestidiños retro, da man de pais modernos e gafapastas.
En Disquecool non podiamos esquecernos deles, entre outras cousas, porque moitos de vós (oh, fieis lectores) tedes fillos. Para que os nenos tamén o pasen en grande na Disquefesta (e de paso vos deixen tranquilos un rato) temos preparado un obradoiro de arxila dura no que os pequenos aprenderán a facer aos seus personaxes favoritos: Shreck (podes ver o exemplo na foto), Mickey Mouse, Bob Esponja… ou cousas útiles coma botes para os lapis.
Ademais o obradoiro, que comezará ás 17:00 horas, será impartido por alguén que xa demostrou aquí as súas habilidades técnicas: a autora do noso blog Xeitosiño Blog. Por cuestións loxísticas obvias o obradoiro está limitado a 10 nenos maiores de catro anos (os menores de catro anos poderán participar acompañados dun adulto). Podedes inscribirvos escribindo un email a cris@disquecool.com. E por se isto non fose suficientemente tentador cada participante recibirá un libro de agasallo cortesía de Kalandraka.
Pero o obradoiro non é o único que temos pensado para os nenos. Eles tamén poderán participar nas Disqueolimpiadas na súa propia categoría (porque todos sabemos que se competisen con nós á hora de saltar á corda, non iamos saír moi ben parados).