A Vida Portuguesa e a rúa máis cool de Porto

A Vida PortuguesaEmpecemos polas confesións: nas nosas viaxes a Porto xa hai un tempo que imos con ideas fixas. Hai unha guía, A guía, que facilita a tarefa de calquera disquerredactora en apuros. Trátase de O Porto Cool, ese blog no que queda claro que a cidade portuguesa é un dos destinos máis interesantes no que a modernidade e hipsterismo se refire.

Desta vez sabíamos que había dúas rúas que queríamos percorrer de arriba abaixo: a Rúa Galería de París e a Rúa Cândido dos Reis, sen esquecer a das Carmelitas, onde ambas empezan. A chamada zona Baixa de Porto, debaixo da Torre dos Clérigos, é unha especie de paraíso de tendas e sobre todo locais nocturnos nos que todo está coidado ata o detalle. Fans da decoración, seredes felices.

Pero antes de chegar a esa noite na que nos sorprendían tanto o deseño e o mimo de absolutamente todos os locais como a cantidade de xente que había polas rúas, está o día, no que as tendas abren e tiran dos petos dos viandantes coma se non houbese crise. Tendas hai moitas e todos deberiades apuntar a zona para a vosa próxima viaxe a Porto, pero a nós foi unha en especial a que nos cativou: A Vida Portuguesa.

Non é unha desas tendas pequenas e difíciles de atopar das que falamos moitas veces en Disquecool. A Vida Portuguesa, no cruce entre as rúas Galería de París e Carmelitas, é ben visible grazas a un vistoso e enorme escaparate que de seguido obriga a entrar na tenda. Tan vistosa e enorme como o que prometían desde fóra.

Hai moitas cousas que chaman a atención do lugar. O primeiro é o espazo escollido para situar a tenda: o primeiro piso dunha antiga tenda de tecidos (Fernandes, Mattos & Cia, que seguen a vender obxectos de decoración e para o fogar no baixo), 300 metros cadrados de chan e librerías de madeira cheas da luz que entra polas xigantescas fiestras.

A Vida Portuguesa

O segundo que chama a atención e o que se vende na tenda: produtos tradicionais portugueses presentados na súa embalaxe orixinal ou con presentacións insipradas nela. Máis vintage e cool packaging non podían ser. En canto a eses “produtos tradicionais” hai un pouco de todo: desde cousas de comer (de bombóns a latas de conservas) ata material de oficina, pasando polo noso preferido: a sección de cosmética, con xabóns artesanais, perfumes que trasladan aos anos 50 e cremas para todos os gustos.

É a tenda perfecta na que mercar agasallos. Non queres pensar? Eles xa ofrecen o pack: fermosas caixas cunha selección de produtos perfectos para o pai ou o moderno (con kit de afeitar vintage), a nai, e ata os nenos.

A Vida Portuguesa

Detrás da idea de A Vida Portuguesa, que ten tenda tamén en Lisboa, está Catalina Portas, unha xornalista que mentres preparaba unha reportaxe sobre os produtos tradicionais portugueses decatouse de que estaban a desaparecer e que era unha mágoa. Conclusión? Abrir as tendas: a de Lisboa abriu en 2007 en Lisboa (esta si estaba escondida), e desde 2009 xa está en Porto.

Advertencia: é difícil saír de aí sen caer na tentación. Pero hai tentacións nas que é case necesario caer.

Fotos | Disquecool

Shares

7 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *