6 lugares nos que comer en Porto

 

Posiblemente hai unha pregunta que nos custaría responder tanto como a de ‘ a quen queres máis a papá ou a mamá?’ que todas as vellas tiñan na punta da lingua cando te atopaban na túa infancia. É a de se queres máis a Lisboa ou a Porto. As dúas cidades máis cool de Portugal son – é definitivo – moi cool, claro que Porto está máis preto xeograficamente falando e temos máis oportunidades de visitala. Para unha desas escapadas, velaí van unha serie de recomendacións con 6 lugares nos que comer en Porto. 

clerigos picnic

Clérigos (que debería ser chamado pícnic no formigón). Esta primeira selección está dedicada ao Concello de Santiago, para que a teñan en conta nos seus próximos brainstorming sobre que facer cos aparcadoiros / prazas feas da cidade. Non é preciso cubrir todos os lugares de formigón pouco atractivo con parques infantís. Hai outras opcións. Esta praza (que podería ser moi fea) reconverteu a parte de arriba nun parque (verde e cheo de árbores) no que hai un restaurante… no que podes comer a modo de pícnic. Ti escolles o que queres comer e eles lévancho á mesa nunha cestiña (encantadora). E a carta non é nada cara. Rúa das Carmelitas, 151 (xusto onde está a nosa amada A Vida Portuguesa)

O Comercial, na Bolsa do Porto. Para fans do luxo decadente do pasado. A bolsa é un monumento a visitar. Fan visitas guiadas en varios idiomas e moi interesantes. E para poñer o broche final está o seu restaurante, moi chic tipo burgués.

Book Porto

Book. A antiga Livraria Aviz, unha libraría que vendía libros e material de papelería no centro do Porto, foi reconvertida en restaurante aproveitando o baixo e o espírito. O fantasma da vella libraría está presente por todas partes na decoración. Hai unha estantería chea de libros, manteñen os rótulos luminosos da librería e hai libros sobre as mesas, colgando do teito e para indicarche a a que baño debes ir. Ao mediodía (polo menos este sábado pasado) teñen brunch por 20 euros, pero para as ceas hai carta. Non é barato, pero se es un amante dos libros veraslle o encanto. Rúa de Aviz, 10.

Café Vitória. Durante o día é cafetería (e podes comer tipo bocata) e pola noite abre tamén o seu restaurante. O prato día máis sopa sae por 6 euros (algo do que somos moi fans) e o sitio ten unha decoración coidada e bastante chula. Rúa José Falcão, 156

 Moustache. Non todo é comer, tamén está o almorzo e o café (sagrado) de media mañá (e media tarde cun bolo). E para iso hai que ter tamén un lugar de man, como por exemplo Moustache. Ten dous pisos, ten libros (con iso xa ten o noso amor para sempre) e son o lugar no que quedan os dous protagonistas dun best seller luso. Fan actividades, como charlas ou concertos, e teñen unha morea de tortas para tomar co café. Praza Carlos Alberto, 104

leitaria baixa

Leitaria da Baixa. Unha mestura de cuqui e retro, cunha árbore na terraza, un sofá cunha mesiña chea de libros nunha esquina e  mesiñas pequenas e cores pastel nas paredes. Teñen pasteis caseiros e un bo surtido de bebidas quentes. Tamén algunhas cousas salgadas, para ter a todos contentos. Rúa Passos Manuel, 55

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *