As reservas mundiais de whisky están a esgotarse e os hipsters teñen a culpa

whiskey

Non hai auga para todos? Non hai carbón, nin petróleo para moitos máis anos? Ningunha desas cousas vos fixera tremer. Pero escoitade cal é o novo combustible en perigo de extinción: o whisky! Un calafrío percorreu o teu corpo? Se é así, que saibas que ti es ademais un dos responsables desta traxedia. Porque resulta que ao final non eran nin o gintonic, nin a sidra, nin o xerez. Non. A bebida de moda dos últimos meses era o whisky (non vos decatarades?). E está tan tan de moda que xa hai destilerías escocesas que temen o peor: non hai whisky para tanto hipster.

Se es bebedor habitual de whisky, pero do barato, non tes moito do que preocuparte. Se, pola contra, es un sibarita desta beberaxe e vas sempre a polas botellas caras, a por líquidos que pasan mínimo dez anos na barrica, podes empezar a deixar ese suor frío tomar o control. Os fabricantes están a ter problemas reais para dar resposta a toda a demanda, que se disparou nos últimos meses sen que ninguén fose quen de advertilo. A culpa é dos hipsters, si, que son quen de súpeto empezaron a amar a bebida de James Bond. Pero, por que empezaron a beber whisky?

Coma no caso de, por exemplo, o xerez, cuxo rexurdimento nos últimos anos din que se debe a ‘Downton Abbey’, aquí as series de televisión tiveron tamén algo que ver. Nós apostaríamos por ‘Mad Men’ (aínda que tamén é certo que o glamour do alcoholismo hai xa varias temporadas que quedou atrás), pero segundo contou a ABC News o dono dunha destilería en Australia, o único culpable é ‘Boston Legal’. Segundo parece (eu nunca vin esa serie e por iso sigo a beber mainstream gintonics), os personaxes da serie escollen o whisky como bebida coa que relaxarse cando remata o día. E se cadra están a facelo de forma bastante atractiva.

Non é a primeira vez que a cultura popular lanza á xente sobre botellas de whisky, pero si a primeira que o fai de forma involuntaria. Segundo parece, que James Bond empezase a beber bourbon e non só o seu martini de sempre ten que ver coa intervención dunha destilería escocesa (ou iso di a lenda), vendo que non tiñan moito mercado para o bourbon e o whisky de malta, cuns bos resultados que duraron uns 40 anos.

Agora a cousa cambia: o boom da demanda non foi previsto (e non se necesitaba) e unha botella que tarda 12 anos en estar lista non pode ir máis rápido. De verdade é culpa dos hipsters? Quizais. Pero hai quen fala xa dun escenario tan terrorífico coma o da Lei Seca. Xa sabes, deixa ese whisky e colle a botella de xerez da avoa. Ou queda coa xenebra de toda a vida. De momento non están en perigo.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *