Doutroxeito: coworking nun edificio – xoia en Compostela

Doutroxeito Cooworking

Se miras pola ventá poderás ver unhas vistas de Compostela que non son as habituais: a fronteira coa cidade vella, o hotel Compostela, o (cuestionable) parque da praza de Galicia, os coches que suben polo Hórreo… E no fondo, lembrando onde estamos, unha das torres da catedral. Non son as cousas máis habituais (sacando a torre) que se usan cando se crea unha postal de Santiago, aínda que moitas delas son unha parte importante da cidade e teñen unha encantadora beleza.

Pero é que non estamos nun edificio calquera da cidade, estamos nun dos que tampouco son habituais nas postais, nos percorridos turísticos e ata no seu estilo. Estamos nun dos últimos vestixios do Santiago modernista (eses poucos edificios), alá onde comeza o Hórreo, e un dos superviventes do que antes era a praza de Galicia (é que debe ser un dos lugares polos que máis pasou a piqueta tirando cousas que tería pagado a pena conservar ata hoxe na cidade: no que hoxe é o hotel Compostela, por exemplo, había nos anos 20 un teatro – cine modernista e antes un pazo – o da Inquisición – barroco ademais de, por suposto, o seu veciño o edificio Castromil). Pois nun deses edificios que conseguiron sobrevivir ao paso do tempo e conservar parte do que podería ter sido aquela praza, está Doutroxeito Coworking, a última proposta en unirse a oferta de coworking en Compostela (e que foi un dos proxectos presentados no último Off Culturgal).

Doutroxeito Cooworking

“Levo madurando a idea moito tempo”, explícanos Chus Prol, a responsable de Doutroxeito Coworking, “ e a idea xurdiu dunha academia de idiomas diferentes, que non fose ao uso”. Chus Prol comezou a ler sobre espazos diferentes de traballo e a idea do coworking acabou por seducila. “Hoxe en día é un bo ecosistema para darlle soporte aos traballadores de novo cuño. Quen empeza, quen emprende, quen se está reinventando…”, asegura. E así comezou a búsqueda de espazos. Santiago foi a cidade escollida e, aínda que podamos pensar que existen unhas cantas alternativas similares, Prol explícanos que en realidade na cidade “o que hai é moitos espazos substitutivos, moitos centros de negocios”, en resumo “moitos continentes con moi pouco contido”.

Os espazos de coworking diferéncianse dunha oficina compartida – ou dun centro de negocios tradicional – en varias cousas. A primeira é que o ambiente de traballo favorece o intercambio e a colaboración. Neste caso, están apostando por atraer a profesionais de perfís diversos, de sectores do máis variado, que crean  unha mestura ecléctica e por tanto máis rica. A segunda é que non son só lugares aos que ir traballar: son tamén espazos para a formación, lugares que serven como punto de encontro cultural… En Doutroxeito Coworking parecen ter moi claro este último punto e Chus Prol promete que van “dinamizar o suficiente” xa que queren “ser un referente que provea de oferta cultural, oferta formativa, talleres alternativos, etc”. A comunicación, a innovación ou o deseño son algúns dos temas que están a tratar nos seus cursos e talleres (por exemplo, xa organizaron un de DesignThinking ou outro de tipografía).

Pero ten Santiago tirón suficiente para un sitio como este? “Santiago é unha cidade pequena, pero hai masa crítica bastante”, asegúranos Chus Prol. “Hai traballadores independentes de profesións do máis diverso”. E engade:  “Seguramente dende o punto de vista de filosofía si que lles interesa estar nun sitio diferente”. A conclusión está clara: “É unha cidade con masa crítica para isto”.

“Traballar na casa é o menos produtivo que hai”, lémbranos, ademais, a responsable de Doutroxeito Coworking. En Doutroxeito teñen unha oficina de espazo aberto, salas de reunións, un fantástico balcón cunhas vistas de Santiago que non son as habituais e o bonus track de poder traballar nunha pequena xoia do 1921 como poucas máis hai en Compostela.

Doutroxeito Cooworking

Traballar en Doutroxeito Coworking sae entre 180 euros a 35 euros ao mes, con diferentes fórmulas segundo o número de horas. Aínda que como nos lembra Chus Prol, son “moi flexibles e poden adaptarse ás necesidades de cada quen”. Iso tamén vale para o horario: abren de 8 da mañá a 8 da tarde, pero tamén nisto son flexibles.

Están no terceiro andar do Hórreo, 22 

Fotos | Andrés Fraga

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *