Off Culturgal 2013 en imaxes

Off Culturgal 9x9 organizado por Disquecool e Culturgal

Un ano máis (e xa van tres!) desde Disquecool organizamos o Off Culturgal, un punto de encontro para dar a coñecer ideas e proxectos creativos que se están a desenvolver en Galicia. Un total de 9 participantes tiveron a oportunidade de presentar a súa iniciativa durante 9 minutos (6 de intervención e 3 de preguntas do público) neste evento enmarcado na Feira das Industriais Culturais de Galicia (Culturgal).

O mestre de cerimonias foi o xornalista Luis Pardo, quen foi capaz de facer cumprir os axustados tempos deste formato, e dinamizar os espazos de preguntas (mira que sodes tímidos!)

Na seguinte galería fotográfica poderedes ver en acción aos protagonistas deste Off Culturgal 99% Creatividade:

1. Joana Covelo presentou o proxecto Cartografías Sensibles, que aposta pola defensa e a posta en valor do patrimonio da parroquia de Vincios e da Serra do Galiñeiro. Unha achega virtual a unha realidade territorial rica e complexa  a través de mapas que nos fan descubrir historias, topónimos, muíños, covas, penedos, xacementos arqueolóxicos, lendas, músicas e tantos outros elementos que configuran a identidade deste lugar.

2. Verónica Novoa descubriunos a La Mujer Araña, unha marca de tecidos creativos que busca actualizar as antigas técnicas de fiado e demostrar que este tipo de labores non son só “cousas de avoa”.

3. Varinia Doce falounos sobre O Retrovisor, un magazine web galego, de emisión mensual, que en cada edición se gravará nunha cidade galega distinta, e que abordará a actualidade cultural e de ocio.

4. Lúa Louro busca coa rede social Creatorio pór en valor ao conxunto de profesionais galegos que traballan coa creatividade cada día. A través dun directorio preséntase un amplo abano de profesionais pertencentes a ámbitos moi dispares, coa finalidade de achegalos á poboación galega.

5. E como ben dixo Luis Pardo, nun encontro con modernos, non podía faltar un Ukelele! Matilde Rodríguez, de O Gato Cósmico, foi a encargada de lograr que este instrumento non faltara no Off Culturgal. O Ukelele Kit Project é unha colección de 10 ukeleles decorados por 10 artistas, que dará lugar a unha exposición itinerante por toda Galicia. A mostra acompañarase da proxección de 10 vídeos feitos por 10 realizadores audiovisuais, nos que 10 bandas galegas tocarán unha canción con algún dos instrumentos do proxecto.

6. Carmen Saborido é unha das responsables de  Ciranda, à volta do português unha empresa que traballa coa lingua portuguesa, tentando facer chegar ata o noso ámbito as diferentes culturas lusófonas. Ademais de contar cunha libraría en Compostela, organizan actividades de dinamización cultural e imparten formación nesta lingua (cursos de inmersión, especializados en sectores coma a hostalaría, ou incluso, se alguén o demanda, para ligar, como algún dos asistentes suxeriu na quenda de preguntas…).

7. Xesús Freire presentou a aplicación para móbil Trivial da Terra de Melide, que consta de 200 preguntas distribuídas en cinco campos de coñecemento (arte, historia, cultura e sociedade, medio e personaxes célebres), referidas aos concellos de Melide, Toques e Santiso.

8. Chus Prol centrouse na iniciativa de coworking Doutroxeito, que está a piques de abrir as súas portas en Compostela. Un espazo de traballo diferente, que vai máis alá do centro de negocios e da oficina compartida para poñer o foco na comunidade de persoas que conforman este ecosistema.

9. Paula Tubío amosounos os complementos que fai artesanalmente co seu selo, A Gata Moscovita. Durante os 6 minutos de exposición falounos dos seus primeiros deseños, de temática vintage, e das coleccións que os seguiron, de clara inspiración galega: a colección Pandeireta, e a colección Lío de Palangre, esta última composta por 18 pezas que evocan elementos ou costumes propios de vilas mariñeiras galegas.

Shares

7 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará