9 cousas que amamos do Culturgal 2013

E moi difícil escoller que é o mellor do Culturgal porque, cando es expositor, acabas pasando o tempo no teu stand (e o de falar só do teu stand e do que tiñas colgado nas paredes non é nada pero que nada cool) e lamentándote por non poder ir ver o que hai pola feira adiante. Pero de cando en cando pos a escusa de que tes que ir ao baño / mercar libros / facerte cun café (son cousas ante as que os teus compañeiros non van protestar!) e escápaste para cotillear. Había moitas cousas marabillosas, pero estas son algunhas das que a nós nos chegaron ao corazón. 

Culturgal 2013

1.  A cultura galega é mainstream. Se alguén ten dúbidas, só ten que pasarse polo Culturgal. Este ano a organización estima que 14.000 persoas pasaron polo Pazo da Cultura de Pontevedra e, a pesar de todo o que din dos hipsters, en Disquecool amamos participar en algo tan mainstream. Nalgún momento o pazo semellaba Zara nun sábado de rebaixas. E iso mola! E non só iso. A xente participa nas actividades, escoita as charlas e merca, merca moitas cousas.

2. O lobo Orbil. O noso con Orbil é amor. Amor do profundo que sobrevive a todo tipo de dificultades, como as de que nós sexamos humanas e el un boneco de trapo.  Orbil percorreu a feira cheo de alegría e entusiasmo (nunca vimos a un lobo de trapo tan animado) pero, sobre todo, adicouse a facer chorar a nenos diante do noso stand. Con iso acabou de gañar o noso corazón. Se algún día Disquecool deixa de publicarse deberiades saber que é por unha cisma interna porque algunha de nós conseguiu – por fin – o corazón de Orbil e marchou para sempre vivir ao Salón do Libro Infantil de Pontevedra. As demais non poderán perdoarllo. (Por certo, queremos unha disqueficha de Orbil! Non nos atreviamos a pedirlla no Culturgal porque sabiamos que nos iamos poñer encarnadas e non era plan. Orbil, mándanos un mail!!)

3. O calendario erótico do galeguismo. Non sabemos quen o vendía ou onde, porque como as postais guarras do século pasado parecía que alguén o vendía baixo a mesa (aínda que logo circulaban baixo o brazo dos afortunados compradores).  Conseguimos ver un que nos ensinou un dos seus propietarios, aínda que non nos quixo dicir moito sobre onde os distribuían (semellante material hai que collelo con tino). Mes a mes, o calendario mostra as interioridades da historia do galeguismo.  E, si, hai que ter estómago (ver a Murguía en panos menores pode ser demasiado impactante).

Culturgal 2013

4. Os da Ría. Os da Ría son alegría e deberían ter un programa na TVG. Nós seríamos as súas asesoras de imaxe, porque Arturito confía en nós como se fósemos un libro sagrado para escoller o seu vestiario (temos probas). Dos poucos que fan que unha procesión de autoridades sexa unha festa e que unha parrillada de churrasco (ou de amor) material para a que debería ser a canción do verán.

5. As colas do café. Vale, eran inmensas e semellaba que nunca ías conseguir chegar a ter o teu café na man. Sentías que a falta de cafeína ía acabar contigo. Suabas, tremías e pensabas que non conseguirías sobrevivir nunca. Pero como me explicou unha disquerredactora, iso é porque eu son unha sosa. As colas do café do Culturgal son unha estratexia da organización para potenciar que o amor xurda entre os asistentes!! Son como Mujeres y hombres y viceversa, pero en versión cultureta. (A próxima vez que vaiamos ao Culturgal imos pelexar por roldar a Orbil e por ir mercar á cafetería, estouno a prever)

6. A zona chill out. Era imposible ir porque sempre estaba tomada por nenos (menos á hora da comida, cando todo quedaba baleiro; pero entón soaba en bucle o himno do Culturgal e non resultaba tan apetecible), pero este ano o Culturgal tiña zona chill out na que podías tumbarte, relaxarte e ler algún dos libros que mercaras. Botamos os tres días soñando con ela.

Culturgal 2013

7. Os asaltos poéticos. Non sei se explicarvos con detalle iso ou deixar que vos sorprendan se deciden repetilo o ano que vén. Se non queres spoilers, salta ao punto 8. Ti ías camiñando polo Culturgal e de pronto un comando de lectores se che acercaba, poema na man, para asaltarte. E, en contra do que habitualmente ocorre nos asaltos, nesta ocasión eras ti quen acababa levando algo: os asaltantes eran do Espazo Lectura e o que querían era lerche un poema (e darche unha copia para levala contigo). Eu non só fun asaltada, senón que logo fíxenme asaltar. Porque molaba.

8. Os furanchos como material para postais. Máis ben postal, porque só é un deseño. Amamos as postais e amamos mandalas e pensamos que Galicia precisa unha colección de postais molonas para mandar (podedes facer un Change.org para convencer á disquerredactora que leva anos dicindo que ía crear unha empresa de postais bonitas) alén das nosas fronteiras. No Culturgal deste ano atopamos a quen xa imprime postais celebrando os furanchos. 

9. O Off Culturgal! Iso estaba claro! Non só porque o organizamos nós (que claro está tamén), pero sobre todo porque así podemos descubrir unha chea de cousas moi interesantes que se están a facer en Galicia. Gracias a todos os participantes por virnos contar as súas ideas e a todos vós por interesarvos nelas.

Disque no Culturgal 2013

Fotos | Andrés Fraga 

 

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *