O Culturgal é para nós xa case coma o Nadal: algo que chega en decembro e que nos fai moita ilusión. Ademais do Off Culturgal, o noso momento estrela no que comisariamos as presentacións de nove proxectos creativos que están a xestarse en distintos puntos de Galicia, volveremos un ano máis co noso stand. Este ano estaremos no posto 60, no espazo Foro, buscádenos aí!
Que teremos? Ademais do Off Culturgal, que terá lugar mañá sábado ás 5 da tarde (non faltedes, este ano temos dúas presentadoras!), o resto dos días seguiremos pola feira no noso stand, no que un ano máis NON haberá photocall (é moi mainstream), pero si outras moitas formas de participar e ata levar chapas e bolsas a casa.
Este ano, fartos de que a xente sempre busque a palabra máis fermosa do galego (e saia bolboreta ou cousas aínda máis cursis), decidimos facer a enquisa contraria: teremos unhas urnas nas que podedes votar e dicirnos que palabra do galego é para vós tan fea que directamente eliminaríades do dicionario. E non nos referimos ao significado (non metades odio e guerra, por favor), senón a que sexa fea en si mesma, que soe mal, xa sabedes, falamos de cacofonía. O noso propio referendum (totalmente legal, claro!), o 6-D (aínda que se pode votar o 5-D e o 7-D tamén). Todos os votantes levarán unha disquechapa como premio por participar! (Tamén podedes facelo vía Twitter co hashtag #verbainfame).
Buscaremos tamén a vosa opinión para outra cousa: isto é unha primicia, pero o día de Nadal Disquecool estreará o seu redeseño (xa tocaba, despois de case catro anos…). Xa o temos todo decidido, así que nos pareceu un bo momento para pedir a vosa opinión. Quen queira, poderá deixarnos tamén unha mensaxe dicíndonos como lle gustaría que fose Disquecool. Posiblemente non vos fagamos caso, pero levaredes chapa a cambio. Ben!
Ademais, para todos os que sempre que tedes que empezar un novo libro pasades varios días intentando decidir, o sábado e o domingo teremos no stand unha consultoría literaria da man de Librópatas: só teredes que encher un pequeno formulario/test de personalidade e dirémosvos que é o que tedes que ler. O domingo, ademais, haberá unha quedada lectora no noso stand. Con galletas!
Isto é só un resumo, estade atentos ás redes sociais porque teremos máis sorpresas.
Vémonos no Culturgal!
Quen é o Crisi ese que vos firmou?