Top 10 de 2014: os 10 artigos máis lidos

paraugas roto

Estamos xa oficialmente en 2015 e hai que ir aceptándoo, ao igual que teremos que asumir que os coches aínda non voen e que os aeropatíns non existen. Pero antes de darnos por fin a volta e mirar cara adiante, fagamos un último balance do que foi 2014 cunha última lista: a dos artigos de Disquecool que máis éxito tiveron entre os nosos lectores.

1. 8 razóns polas que o inverno en Santiago mola. Estades -estamos- obsesionados co tempo, non ten moito máis. O artigo máis lido de 2013 falaba dun ano sen verán e en 2014 fala dun dos invernos máis chuviosos que lembramos. Non cantedes victoria por todas estas semanas que levamos de ceos azuis, este inverno aínda non fixo máis que comenzar e xa virán as chuvias e as ganas de ler este artigo unha e outra vez.

2. O pobo acaba de falar: os galegos odiamos “grazas”. Sabíamos que o referendo que fixemos no Culturgal este ano traería polémicas. Abrimos as urnas para buscar a #verbainfame do galego, esa que fai que odies a calquera persoa que a pronuncie e os resultados foron claros: “grazas” é a palabra máis odiada, non por que os galegos non sexamos de agradecer, senón porque preferimos, parece, outros formatos da palabra.

3. Os festivais (galegos) que veñen: xullo 2014. O verán en Galicia significa praia, significa días eternos e significa festivais. De norte a sur, de leste a oeste, non hai fin de semana estival no que non poidas acudir a un festival de música nalgún punto da xeografía galega. Moitas veces ata coinciden! E vós, como bos modernos, queredes ir a todos.

4. 5 rutas para pedalear por onde antes ía o tren. Os veráns son tamén para sacar as bicicletas do trasteiro, limparlles o po, e lanzarse a facer rutas pola natureza. Algunhas das nosas favoritas transcorren por antigas vías de tren, reconvertidas en camiños para pasear en bici, fáciles e bonitos.

5. Os festivais (galegos e portugueses) que veñen: agosto 2014. Máis festivais! Para agosto decidimos abrir a nosa selección tamén aos eventos que se celebran no país veciño, porque son tamén moitos e moi, moi bos. E tendo en conta a proporción de galegos que hai sempre entre o público nos festivais portugueses, está claro que esa fronteira case non existe.

6. Ruth Matilda Anderson: fotografando Galicia no 1924. Este artigo é en realidade de 2013, pero gústanos recuperalo de cando en vez para os que aínda non o lestes. E é incrible: cada vez que o poñemos no Facebook, temos un gran pico de visitas. Non é para menos: unha fotógrafa estadounidense que percorreu Galicia nos anos 20 e deixou unha testemuña gráfica sen igual.

7. 8 cafeterías para hipsters (a importar). Poucas cousas parece que nos gustan máis ca un bo café nun espazo bonito, cool e orixinal, non? O mundo está cheo de cafeterías desas diferentes, moitas delas co obxectivo de encherse de hipsters barbudos coma vós. E, maldita sexa, non quereríamos ter algunha destas cafeterías tamén aquí?

8. 10 razóns para ir á Romaría Pop. Un ano máis, en Disquecool fomos medio colaborador da Romaría Pop, o evento por excelencia da primavera compostelana. Para animarvos a acudir fixemos unha lista de boas razóns, entre as que estaban os obradoiros de swing, novidade este ano, ou toda a comida que se podía probar.

9. 8 razóns polas que o Surfing The Lérez é máis cool que a Romaría Pop. A outra gran polémica de Disquecool deste ano foi esta: un artigo en clave de broma do noso colaborador Brais Romero, que foi ao Surfing The Lérez (mesma fin de semana ca a Romaría Pop) e decidiu defender o evento pontevedrés fronte ao de Compostela. Houbo sangue. Para 2015 estaría ben que fosen en fins de semana distintas.

10. Off Culturgal 2014: estes son os proxectos seleccionados. Por cuarto ano (xa!) colaboramos na Feira de Industrias Culturais organizando e comisariando o Off Culturgal, un evento informal no que distintos proxectos creativos se presentaban ao público loitando contra o reloxo. Fixemos a convocatoria e finalmente seleccionamos a estes nove proxectos.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *