Non hai que desesperar. Non vos deixedes levar por esas ideas tan mainstream de que só o bo tempo mola. Que chova ten moito encanto. E velaí van 8 razóns polas que deberías aceptar que o inverno en Santiago é o mellor.
1. Non tes que pagar por practicar deportes de risco. Hai pobres xentes que teñen que pagar para facer puenting, rafting e unha chea de deportes supostamente ousados que acaban en ing. Iso nunca ocorre en Compostela. Para que vas pagar se o podes ter gratis? Proba a saír calquera mañá de tormenta/alerta amarela/cicloxénese explosiva e intentar avanzar pola rúa suxeitando o teu paraugas. Conseguir chegar ata o final sen o que o paraugas morra é moito máis arriscado que ningunha outra cousa.
2. Levar o paraugas é un arte. Se pasas un inverno en Compostela nunca máis volveras ver á xente cos mesmos ollos, polo menos no tocante a levar un paraugas. A xente que non é de Santiago, que non está acostumada a que un paraugas sexa unha extensión natural do seu propio corpo, non sabe usalos ben. Proba a camiñar polo medio das multitudes en digamos Madrid calquera día de chuvia e o comprenderás.
3. Non tes que peitearte. Para que? Esa é a miña pregunta. Deixa que o cabelo viva en liberdade. Dálle un aire para que non se encha de nós e esquéceo. Porque o tempo imporá a súa tendencia e estilismo. Levarás fermosas ondas aínda que o teu cabelo sexa de natural liso xaponés e terás sempre un aspecto certamente salvaxe, como un entusiasta romántico que non amaba peitearse.
4. Katiuskas. Teño que dicir máis?
5. Quedar na casa. Todos eses días nos que non che apetece quedar con ninguén, prefires vexetar na casa vendo na tele algo inconfesable (tipo La casa de tus sueños) e queres facer un 24 horas en pixama… Eses días non terás nin que esforzarte. Ninguén te dirá de quedar e a ninguén lle dirás de quedar. Os bidóns do lixo que fan estilo libre polo medio da estrada son o apoio moral que precisas para non sentirte mal por quedar na casa.
6. Quedar para comer. Pero se alguén comete a tolemia de saír da casa, non será para ir dar unha volta. Unha volta? En serio? O plan por excelencia será ir a algún lugar a comer/beber. Non te sintas mal por encadear a torta da merenda coa cena e cos cócteles. Ninguén podería facer outra cousa.
7. Tes moitas posibilidades de saír en Gente. O soño de media España é poder saír en Gente falando dalgún que sempre saudaba, de como foi testemuña presencial de aquel incidente da natureza ou de ensinar ata onde chegou o barro na súa casa. Esta no subconsciente colectivo despois de anos de adoutrinamento televisivo. Santiago multiplica esas posibilidades por mil. As posibilidades de que vivamos algún tipo de récord de auga son tan elevadas que posiblemente todo santiagués teña máis posibilidades que calquera outra persoa do mundo de ser entrevistada sobre a difícil vida no medio do temporal.
8. Os demais son uns brandos. A altura moral que che dá vivir ou ser de Santiago é moi elevada. Se algunha vez marchas da cidade verás como o resto do mundo choromiquea por un par de días de auga (ou verás cidades inéptas nas que un pouco de auga causa un caos no servizo de metro/autobuses). Poderás miralos con desdén e dicir ‘pero se isto non é nada!!’. Ti nin es do norte. Ti es de Santiago.
Foto | Tyler J Clemens VIII
Pois cando Santiago era unha cidade universitaria de ocio nocturno durante os xoves saiamos de noite sempre, fixera unha treboada incrible ou caeran tronos no verán. Ai, estabamos feitos doutra pasta os da miña xeración xD
Qué mierda es eso de casa y pijama???
En Santiago se sale los jueves llueve truene o lo que sea!!!!!!!!!!
Qué katiuskas nin qué vainas? Botas, botas de toda a vida, botas de traballar, xa sexa nas cuadras ou na obra ou no xardín.
Katiuskas… pff. Unhas Dunlop e pista!