Cear no Casco Vello de Vigo: os imprescindibles

Ao principio sorprendémonos. Por que hai tanta xente por aquí? Dan algo gratis? Despois alegrámonos. Si, xa somos unha cidade normal, xa hai ambiente na zona de tapas. Agora temos dúbidas. Maldita sexa, vai frío e quero chegar a algún bar onde me dean de cear sen que teña que dar empurróns para chegar á barra.

Pero diríamos que en conclusión o balance é positivo. Tras tristes anos de rúas baleiras e portas pechadas (con algunha honrosa excepción) o Casco Vello de Vigo renaceu como lugar cool por excelencia, o único destino posible un sábado pola noite con ganas de tomar algo. E a onde dirixir os pasos? Aquí tedes algunhas das nosas propostas favoritas no que a restaurantes e bares de tapas se refire.

1. Lume de carozo

Lume de carozo

É xa todo un clásico, un local non moi grande, con dous pisos, paredes de pedra -unha constante no Casco Vello, por razóns evidentes-, mobles de madeira tipo bar tradicional, e moita moita xente. De verdade, para un sábado ás veces hai que reservar cunha semana de antelación. A razón de tanto éxito é a comida, por suposto, cunha carta de tapeo creativa pero consistente, na que destacan os croquetóns de setas, os tulipáns de langostinos, ou a tarta de Maruja. Os venres fan menú de maridaxe, pero aínda non o probamos.

En Joaquín Yáñez, 5.

2. A Regueifa

A Regueifa

Neste caso falamos dun local diminuto, tamén de pedra e decoración enxebre. A comida caracterízase (ademais de por estar rica) pola cantidade. Trata de enfrontarte ti só a unha  hamburguesa con queixo tetilla, patacas fritidas e ensalada (aínda que creo que xa avisan na carta de que un prato dá para dúas persoas, polo que sae moi ben de prezo). O menú componse de pratos “fortes” a base de carne, ensaladas e algún prato máis orixinal como un risotto de setas. Todo delicioso. Para reservar fan dúas quendas: ás 9 e ás 11 da noite.

En San Vicente, 1.

3. Picadillo

Picadillo

Local cheo de vitalidade con portas verde turquesa, e cadeiras de todas as cores -aínda que na foto non se note-. A carta escríbese cada día nunha lousa (os pratos varían día a día, aínda que moitos, loxicamente, se repiten) e caracterízase por un menú a base de comida caseira (e que así sabe) pero elaborada. Entre os pratos fortes atopamos o revolto de espinacas, queixo e noces, os saquitos crocantes de ingredientes variados e o brownie de chocolate. Teñen menú do día por 9’50.

En Fermín Penzol,10.

4. A mordiscos

A Mordiscos

Abriu hai só uns meses no local onde estaba a nosa adorada creperie do bretón simpático, e hai xa máis tempo o vello Amordiscos, e foi chegar e bicar o santo. Trátase dun local grande e moi cool, cunha clara inspiración industrial, con moito uso de materiais metálicos pero tamén moita cor. As tapas resultan tamén bastante variadas e creativas, pero o que nos namorou foros as sobremesas. Súper baratas! Cando hai moita xente teñen algúns problemas de axilidade, pero fora da hora punta paga a pena ir.

Na rúa Real, 22.

5. O bañista

O bañista

Tecnicamente é máis un sitio para tomar un viño que para cear, pero as tostas están moi boas (tamén hai montaditos e empanada, e ata tarta tres chocolates) e o sitio encántanos. Trátase dun local de pedra decorado con estilo nórdico (mobles de Ikea, moita madeira, barra en branco, imaxes de bañistas nos cadros), sinxelo e natural.

En Travesía do Franco, 4.

Fotos | Lume de Carozo, A Regueifa, Picadillo, A mordiscos, O bañista

Shares

    7 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *