Pensa nunha lámpara de cartón. Como é? Quizais sexa algo branda e, desde logo, non moi fiable. E si, admites que na casa tes esas lámparas de papel de IKEA e que nunca pensaras no perigo, pero de súpeto agora todo o que tes na testa ao pensar en cartón é “risco de incendio”. Borra todo o que pensaras: é moi posible que en canto vexas (e toques) en persoa algunha das lámparas creadas por Javier Fernández Calo o único que queiras sexa ter unha no teu salón. Así de especiais e seguras son.
Entrei na tenda pop-up que teñen estes dous meses Lámparas de Cartón no Centro Comercial A Laxe e o primeiro que quixen facer foi tocalas. Ao tacto non parecen de cartón: grazas ao verniz ecolóxico especial, as lámparas quedan duras e suaves ao tacto. Pero iso é o de menos. O mellor son os bonitos deseños e todo o que hai detrás delas.
Como se lles ocorreu? Javier é un deses moitos arquitectos aos que a crise puxo no paro. A el sempre lle gustara o cartón, e pasara a carreira facendo maquetas dos seus deseños neste material, así que cando el e máis Bárbara Alonso-Macías necesitaron lámparas para a súa casa, pensou que por que non probar. Aí empezou todo. Ante o éxito que tiveron eses prototipos entre os amigos que ían a visitalos, pensaron en facer unha pequena tirada, 30 unidades, para ver que pasaba. Con moito esforzo e maña, xa que as fixeron totalmente a man na casa, crearon esa pequena produción, puxérona á venda en Internet… e se esgotou.
Todo isto comezou en outubro de 2012 e desde entonces a vida de Javier e Bárbara cambiou por completo. Empezou a busca de financiación para un proxecto moi goloso: deseño sostible (o cartón que utilizan é de talas ecolóxicas, e algunha parte é reciclada), poñendo moito énfase no local e en conseguir produtos de calidade. “Ofrecemos un produto artesanal, orixinal e sostible”, contan, “algo distinto ás lámparas de IKEA”.
O proceso para crear cada unha destas lámparas, que teñen nomes galegos como Brétema, Bolboreta ou Vagalume, é case totalmente artesanal: Javi fai os deseños e os envía ao seu proveedor, que manda as pezas cortadas e coas ondas no seu lugar. Pero despois, todo o resto teñen que facelo eles a man con moita paciencia: cada lámpara está formada por unha serie de láminas de cartón que hai que ir pegando unha a unha, no seu lugar exacto para que as ondas formen o patrón polo que pasa a luz. Verniz e… listo! Para os máis mañosos, Lamparasdecarton ofrece tamén un kit DIY con todos os materiais necesarios (as pezas de cartón, a cola, o verniz, o portalámparas) para ser ti quen monte a lámpara.
Canto custa todo isto? Os prezos van desde os 150 euros das lámparas máis sinxelas (o kit DIY son só 55 euros), ata máis alá dos 300. E se queres algo aínda máis especializado e personalizado, en Lámparas de cartón están abertos a suxerencias e encargos. Xa non falamos só de lámparas: se queres unha mesiña para o café, unhas cadeiras ou calquera outro tipo de mobiliario, non tes máis que pedir presuposto. De feito, entre os plans de futuro (quizais un pouco máis lonxano, agora queren “atar ben a produción” para que non haxa problemas de stock) está o de dar un paso máis e lanzarse á creación de mobles de todo tipo en cartón.
De momento están en plena andadura coma un dos proxectos seleccionados en Vía Vigo, onde están a aprender moito e moi rápido. A idea para cando saian ao mundo real é continuar creando sinerxias con outras empresas galegas e do norte de Portugal, e intentar saír fóra de Galicia e España. “Estaría moi ben que, por exemplo, unha empresa galega grande con presenza en todo o país puxese as nosas lámparas nas súas tendas”, comenta Javier.
Queres velas en directo? Podes visitar Lámparas de cartón no Centro Comercial A Laxe de Vigo durante este mes e deixar que che expliquen todo. E tamén podes mirar cara o teito a próxima vez que vaias ao Lume de Carozo, tamén en Vigo. As súas lámparas son de cartón.