Encántame o bulebule actual dos mercadiños, as ideas orixinais que se atopan en tantos postos de artesanía, a maña daqueles que decidiron combater a crise coa súa arte. Pero o certo é que chegado un momento tes a sensación de telo visto todo (basicamente porque de mes en mes non poden xurdir tantas novas propostas). Por iso cando este sábado vin nunha tenda colectiva de Porto unhas pulseiras monísimas de cortiza chamaronme tanto a atención. Pensei, vaia, isto non o vira antes. Pero é que en Portugal é imposible deixalo de ver, está en tendas e postos na rúa, mercadiños e galerías de arte… non é unha proposta en concreto coa que me topei, senón unha moda de dimensións descomunais, a cortiza alí é a nova madeira (hai mobles de cortiza, si), o novo cartón, a nova cerámica…
Teno todo para se converter no novo material de tendencia. É ecolóxica – a cortiza pode ser retirada da sobreira cada nove anos, pois a árbore vai pelando e creando unha nova capa-, é reciclable (en en moitos casos, reciclada), é natural, é orixinal, e ademais produto patrio. O único que me sorprendeu foi que nestes tempos hiperglobalizados algo poida estar de moda no país veciño e aínda non aquí, (sobre todo cando é algo que mola tanto).
O das xoias en cortiza non é novidade en Portugal, e moito menos en Porto. Xa hai anos que os artistas locais experimentan coas posibilidades do material, e hai 8 anos desenvolveuse na Escola Superior de Artes e Design Matosinhos, por exemplo, o proxecto internacional 2nd Skin Cork Jewelly, co que se pretendía popularizar unha nova imaxe da cortiza, asociándoa a pezas de deseño.
O obxectivo está cumprido. Hoxe podemos atopar todo tipo de xoias en cortiza, combinándose con outros materiais como a prata, a cerámica, o coiro ou a pedrería. En diversas tendas de Etsy e mesmo en pequenos blogs como A Marte Artesanato -de alí é a foto de portada- ou Bijuteria Bettancourt podes atopar aneis, pulseiras, colares ou reloxos en cortiza.
E Claudia Chaves propón ata alianzas.
O mellor é que as xoias son súper chulas, pero tamén moi baratas. Así que xa sabes, a próxima vez que vaias a Portugal, tráete unha pulseira de cortiza de recordo.