Saca a pasear a unha leituga iceberg

Cando unha das compañeiras de Disquecool me pasou este link, non o pensei moito. Díxenlle: “quedemos esta tarde, con cadansúa leituga iceberg e vaiamos de paseo por Belvís, a ver que pasa”. O que aconteceu, xa volo digo, foi o silencio. Ninguén quere ser tan ousado como estes rapaces chineses, que están a poñer de moda tirarse fotos paseando un repolo tradicional chinés (como se fose un can*) e polo tanto – e en consecuencia – saír a pasear cun repolo chinés. E vale que aquí facerse cun repolo tradicional da China non vai ser doado, pero sempre teremos alternativas para participar nesta moda dos paseos vexetais. Primeiro pensamos en grelos, pero xa pasou a súa época, así que a leituga iceberg, tan pouco atractiva, tan compacta e tan plastificada a proba de paseos nas súas versións supermercado, parece a máis indicada.

Importemos decididamente esta última tolemia dos chineses e saquemos nós tamén a pasear vexetais para combater o noso sentimento de soidade. “Os repolos son mellor que os cans porque non ladran e non rifan coas outras verduras”, di un dos adolescentes paseadores de repolos, como recolle a prensa (de aquí) ao cubrir a noticia. E ademais as verduras son unhas mascotas máis limpas e máis pacíficas que as mascotas animais (din outros). “Sinto que podo transferir os meus pensamentos negativos ao repolo”, engade outro máis.

En realidade, e nunca mellor dito, todo isto é postureo. (E o da última tolemia dos chineses non é máis que un clixé dos de sempre). Todo é, en verdade, unha nova – e molona – acción de street art. Detrás está Han Bing, un artista multimedia chinés, que toca diferentes paus, dende as instalacións multimedia, á fotografía pasando polas intervencións. Como esta. O proxecto chámase Walking the Cabbage, Paseando ao Repolo, e comezou no ano 2000.

Todo comezou con Han Bing sacando un repolo de paseo en zonas públicas e concorridas. O que o artista quería era crear debate e provocar un espírito crítico (sobre a realidade de cada día), xa que ía enfrontarse ás prácticas diarias que constitúen a normalidade e aos símbolos de status mediante a posesión de obxectos. Xa sabedes: o que o voso canciño cool di de vós. O repolo non só é unha das verduras típicas de China, tamén é a base da dieta das clases baixas. O repolo paseou por todas partes, Miami e os Campos Elíseos de París incluídos.

E tras Han Bing… chegaron os seguidores.

Fotos Han Bing

*Si, semella que esta semana os cans son tendencia 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *