Como Correos de Eslovenia fixo que os cans amen aos carteiros

carteiro de eslovenia 2

Xa sabedes que os cans son os inimigos mortais dos carteiros (ben, os cans son os inimigos mortais de moita máis xente que os carteiros, pero neste caso imos centrarnos neste caso concreto). Os pobres carteiros chegan a unha casa, queren deixar unha carta (ou nestes tempos máis ben un paquete de ecommerce) e alí aparece un can malencarado, ladrando e ensinando os dentes. E o pobre carteiro ten que arriscar a súa vida e as boas condicións da súa roupa enfrontándose a esa besta case salvaxe para poder cumprir co seu traballo. Pero iso xa rematou, polo menos en Eslovenia, onde unha campaña de marketing de Mayer McCann, a filial eslovena do xigante da pubicidade McCann, tivo como target concreto aos cans. Dun xeito moi especial, reverteron os valores de marca dos carteiros (para os cans) e creáronlles unha nova imaxe.

Agora, en Eslovenia, os carteiros son os mellores amigos do home.

E por suposto, ante algo así, a historia comezou a circular pola rede (porque acabar cunha inimizade tan antiga ben dá para un bo viral).

A campaña consistía nunha carta dirixida directamente ao can. Por que os cans lla tiñan xurada aos carteiros? Correos de Eslovenia atopou a resposta a esta dúbida universal: todo estaba causado porque eles nunca, xamais, recibían correo!! Así que o carteiro entregoulle a cada can-inimigo unha carta personalizada na que lle dicía, como se pode ler na tradución que fixeron ao inglés en FastCompany, que para rematar con semellante situación lle traía unha carta. Para selar a nova amizade, a carta non chegaba de forma solitaria. Con ela, ía unha galleta para can “deliciosa”.

Fotos  Pošta Slovenije

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *