Como cada ano, a medida que nos imos achegando ás datas de Nadal empezan a aparecer os anuncios temáticos. A progresión poderíamos dicir que é a seguinte. Primeiro chega o turrón ao supermercado, logo a decoración de Nadal nas tendas (e os primeiros escaparates que ves son os que mandas por Whatsapp aos contactos criticando semellante premura) e despois veñen os anuncios de Nadal.
Este ano, o que vai pasar cos anuncios de Nadal parece un tanto cuestionable. Habitualmente, levan moitísima inversión das empresas, que gastan cantidades millonarias en primeiro producilos e logo posicionalos nos medios. Sen embargo, este ano e por causa da pandemia e os seus efectos na economía, as compañías están sendo en liñas xerais austeras cos seus presupostos de publicidade e o Nadal non pinta que vaia ser una excepción. En Reino Unido, o paraíso dos anuncios de Nadal e onde máis gastan, os analistas xa adiantan que vai caer a inversión dun xeito considerable.
Aínda así, os primeiros anuncios do Nadal xa están aquí. En Galicia empezou Gadis, posiblemente o primeiro tamén en toda España. Non é un anuncio de Nadal de luces e panxoliñas, pero si un de así imos pechar o ano. Segue a súa liña Vivamos como galegos! (pola que nesta redacción hai xa un choque de amor-odio) e promete tempos mellores. Aquí recibímolo por Whatsapp na mañá do xoves e, naquel momento, en Twitter só había proclamas de amor polo anuncio.
No Reino Unido e por parte das grandes marcas, xa empezaron tamén os anuncios de Nadal, coas primeiras entradas que apuntan xa a dirección que van tomar as cousas. Hai por un lado anuncios emotivos que lembran a pandemia ou usan os seus efectos como contexto e hai por outro anuncios que pasan do coronavirus, aínda que continúan usando a nostalxia e o feel good como motivos.
O triunfador incuestionable é o anuncio de Amazon, que está xa ven asentado para ser viral e que nesta redacción logrou emocionar. A protagonista é unha bailarina de ballet e o contexto o ano da covid-19.
O dos supermercados Asda non ten nada para ser viral pero é posiblemente un tipo de anuncio que veremos moito este Nadal: familias celebrando as festas a pesar de todo e un toque positivo e optimista. Facebook tamén lanzou un anuncio un tanto meh cun futbolista famoso do pasado que usa a ferramenta de videochamada da rede social para conectar coa familia durante as festas.
Fronte a estes anuncios, están os que simplemente transmiten cousas do Nadal (como a campaña de Argos que mostra a unhas nenas facendo maxia co seu agasallo das festas) ou coa fantasía/feel good, como a campaña de Lego.