Cando chega o verán, chegan tamén os veraneantes ás praias. As praias énchense de xente, decididos a gozar do bo tempo, da auga do mar e de estar tirados na area. E estar tirados na area trae consigo un problema que non aparece habitualmente nas conversas e nos artigos sobre todo o bo e positivo do verán. A area acaba enchéndose de lixo. Restos da merenda, os envoltorios do xeado ou as cabichas dunha tarde ‘decoran’ a praia, a pesar de que o habitual é que nalgunha das entradas e saídas da mesma existan cubos agardando polo lixo.
E se a presenza dos cubos no é suficiente, se cadra haberá que acabar por llo poñer aínda máis claro aos bañistas. É o que acaban de facer en Carballo, onde acaban de facer unha acción de marketing de guerrilla na praia de Razo para concienciar aos visitantes do areal da importancia de manter a praia limpa.
“Non se trata de prohibir, senón de concienciar á xente”, explicaban na nota de prensa da presentación da campaña desde Carballo Limpo.
Ademais de entregar cinceiros portátiles aos bañistas, deixaron no medio da area unha escultura ben visible do que acontece cando non se recollen os restos. Cabichas xigantes compartiron espazo con pipas ou bricks de zumo na mesma escala. Durante unha fin de semana de xullo, a praia de Razo contou con esa instalación de lixo a tamaño XXL, moi ‘Instagram friendly’ e moi difícil de non ver.
Desde a praia, a instalación pasou ao centro da vila, onde tamén concienciou (ocupando a Rúa Coruña) da importancia de non encher de lixo as rúas.
Fotos @TurismoCarballo, @CarballoLimpo