Por que Londres vai prender as luces de Nadal máis tarde este ano

No Eroski da miña rúa, o Nadal chegou nunha data redonda. O 1 de outubro fixeron o cambio: de súpeto, apareceu a mesa xigante na que cada ano poñen turróns, mazapáns e demais trangallada do Nadal. De feito, as cousas de Nadal apareceron antes mesmo que as de Halloween, para o que fixeron un pequeno oco uns días máis tarde. Aquel primeiro de outubro mandei un par de fotos cun emoji de espanto por Whatsapp, con esa clásica queixa de que o Nadal chega cada vez máis cedo, pero o certo é que aquela non era a cousa máis tola que vira. En agosto, mercando cousas para marchar de vacacións de verán, atopei unha tenda de decoración na que xa había veas de defuntos, cousas de Halloween… e decoración para o Nadal. E Vigo, no esquezamos, foi material para as noticias porque empezou a despregar o alumeado de Nadal en pleno mes de setembro.

O Nadal comeza cada vez máis pronto (ou iso sentimos), o que ten moito que ver co consumo. As compras da campaña de Nadal arrancan xa no mes de setembro. As estatísticas foron deixando claro durante estes últimos anos ese tipo de comportamento. Ademais, a campaña de Nadal é o momento destacado de consumo para moitas industrias durante o ano, cando fan unha parte máis importante dos seus ingresos, o que deixa claro por que lles interesa comezar a vender moito o máis cedo posible. Os grandes almacéns históricos en Londres, por exemplo, empezan xa a vender cousas de Nadal en agosto, para así monetizar aos turistas que chegan nesas datas.

A publicidade de tempada arranca con tempo para crear ambiente (o anuncio da Lotería de Navidad chegou xa, aínda que o fixo o mesmo día que en anos anteriores, que o comprobei) e as tendas énchense de decoración e panxoliñas para impulsar o espírito festivo.

Pode que en realidade todo estea empezando tan cedo como o facía no pasado, pero o exceso de ruído (estamos máis rodeados que nunca de canles de contidos e de mensaxes das marcas) fai que sexa máis fácil que acabemos saturados.

En inglés, xa se fala do fenómeno do “Christmas creep”,  difícil de traducir ao galego pero que podería ser como a saturación do Nadal aínda que creep non signifique literalmente iso. Basicamente, é o termo paraugas que se emprega para falar de como o Nadal comeza antes, como os consumidores están fartos do tema e de como cando chega decembro estas tan farta das luces, as cores douradas e vermellas e o turrón que queres que cho quite de diante. Como lembraban nunha análise da BBC hai uns anos, o Christmas creep non é algo novo e moderno, pero si algo que se foi agravando nos últimos anos. Ademais, os analistas creen que o adianto do Nadal enfada aos consumidores non só porque é molesto, senón tamén porque lles rouba das ideas que asociaron á ese momento (a sorpresa, o marco temporal, a experiencia vivida).

E se os consumidores empezan a dar sinais de estar fartos de algo, as marcas comezan a escoitar o que lles teñen que dicir. Nada queren menos que perder clientes ou esfolar oportunidades de negocio. Como resposta ao Christmas creep hai marcas que conteñen a súa estratexia de Nadal e que non empezan a iluminar, decorar ou vender con esa escusa ata certo momento do ano (e non en pleno setembro). En Estados Unidos, algunhas grandes cadeas xa estiveron deixando a decoración de Nadal polo menos para despois de Acción de Gracias (o derradeiro xoves do mes de novembro). E en Reino Unido acaban de tomar unha decisión moi salientable para comprender como os consumidores están fartos dos excesos por adiantados do Nadal: Londres vai retrasar este ano o prendido das luces do Nadal.

As luces das rúas comerciais de Londres son, xunto cos escaparates temáticos dos grandes almacéns da cidade, un dos elementos que funcionan como foco de atracción durante a campaña de Nadal. Son, uns e outros, dos que logran mobilizar turistas que van ver que ofrecen.

Habitualmente, o prendido das luces faise en novembro, pero este ano vai ser máis tarde do habitual. Será a inauguración máis tardía dende 2003, como apuntan en Quartz. O medio estadounidense analizou o prendido das luces en Oxford Street, a rúa comercial máis importante de Londres, como elemento para comprender os niveis de Christmas creep dos consumidores. As luces comezaron a alumear o 1 de novembro entre 2011 e 2015 (cando parecía que ían chegar ata outubro coa data de inicio da temporada) para así asegurar un número considerable de semanas de campaña. Entre 2014 e este ano, as luces non arrincaban tan cedo pero case. E este ano as luces volven ás datas nas que operaban a comezos desde século: non empezarán a alumear ata finais de novembro. A inauguración será o día 21.

O interesante non é só o feito en si, senón tamén o que os seus responsables recoñecen vinculado a este retraso do acendido. Os comerciantes que están detrás desas luces recoñeceron ao medio estadounidense que a decisión de “probar algo novo” e “ir tarde” partía do propio feedback dos consumidores, que deixaba ver que preferían que o Nadal chegase a finais de mes (e tamén, por suposto, sumaron o de ser sostibles).

Foto | Jimmy Chan from Pexels

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *