Pode parecer un tanto paradóxico escribir nun medio de tendencias sobre as cousas que merca todo o mundo. Ao fin e a cabo, cando as cousas se fan mainstream e están por todas partes, deixan de ser unha tendencia e pasan a ser parte do común, do habitual. Sen embargo, sexamos honestas, o das tendencias ten moitas veces moito de elitista (e se non pensade no que pasa cando algo que só “os poucos” coñecían pasa a ser de consumo xeral) e, máis interesante, ver que cousas se poñen de moda e se volven tendencia para todo o mundo pode ser un exercicio fascinante de socioloxía. Que todo o mundo de súpeto se sinta cómodo mercando segundo que produtos di moito de como cambiou a sociedade e como cambiou a súa percepción sobre moitas cousas.
Por iso, a nota de prensa de Idealo na que presentaban cales foran os produtos máis populares en España en 2019 tivo para min unha sorte de atractivo case académico.
As súas conclusións non parten de datos de venta, é interesante sinalar, senón de análise de patróns de procuras na rede. Os produtos que ocupan as posicións dos máis populares durante o ano son aqueles que lograron mellores datos en buscas de comparación de prezos. Son aqueles sobre os que os consumidores querían saber quen os vendía a mellor prezo (un dato relevante porque, en termos de marketing e ventas, indica intención de compra).
En xeral, os produtos máis populares foron, nesta orde e por categorías, os de tecnoloxía (38,09% das buscas), calzado (27,15%), vibradores (20,34%) e accesorios para muller (14,43%). Segundo os datos do estudo, 8 de cada 15 produtos máis buscados foron cousas tecnolóxicas, incluídos un smartwatch e un robot aspirador, deixando claro así que a tecnoloxía chega a cada vez máis e máis terreos e posiblemente a máis e máis públicos.
Son, en xeral, datos interesantes que deixan claro como a sociedade está cada vez máis ligada á tecnoloxía, primeiro, e como cambiou, logo, a nosa percepción sobre os produtos de saúde sexual. Cando nas conclusións do estudo falan de vibradores, falan basicamente do Satisfyer, que foi en números totais o produto máis buscado. Foi, di Adrián Amorín, country manager de Idealo, o produto que rebentou as buscas durante o ano.
De feito, o Satisfyer Pro 2 aumentou entre setembro e decembro nun 497% o número de búsquedas que protagonizaba, sendo moito máis popular que os produtos de tempada que habitualmente viven nese momento un furor de buscas na rede, como as katiuskas. E si, que se comparen máis os prezos do Satisfyer que os das katiuskas xa é un titular moi clicable, pero tamén algo que di moito dos cambios na sociedade.
Máis alá de que o Satisfyer é o gran caso de éxito en marketing de 2019, grazas a unha estratexia moi intelixente de creación de imaxe de marca e de “invasión” da conversación pública, o seu éxito e a súa popularidade din bastante de como cambiou o discurso sobre sexualidade feminina. Digamos que é unha mostra indirecta de como calla o traballo das feministas a prol de que as mulleres fagan coa súa vida sexual o que lles pete (como debe ser, por suposto, pensamos nesta redacción) e, sobre todo, que todo iso poida ser comentado en público con total liberdade (e reflexionade sobre se hai 20 ou mesmo 10 anos o Satisfyer podería ter entrado na axenda dos medios de ámbito xeral como tema do momento para velo).
Foto |Matthias Böckel from Pixabay