O timo dos 10.000 pasos: todo era marketing!

Nunca tiven unha desas pulseiras intelixentes que miden canto deporte fas e a túa vida saudable, pero si teño Google Fit, a aplicación que ven por defecto en Android dende hai uns anos e que conta cantos pasos fas cada día. Foi grazas a Google Fit a quen descubrín a importancia de facer cada día 10.000 pasos para poder manter un estilo de vida saudable seguindo as recomendacións da OMS.

A historia dos 10.000 pasos foime causando segundo o momento certo fastío, emoción ou frustración. A emoción viña, por suposto, de todas esas viaxes nas que fas rutas xigantescas polas rúas da urbe que visitas e o móbil vai acumulando pasos e máis pasos. Cando chegas a última hora, medio morta de fatiga, e abres a app, descobres con emoción que aquel día levas 20.000 pasos e superas todo o que Google Fit esperaba de ti. O fastío e a frustración veñen dos días nos que te quedas a uns poucos pasos ou nos que non consegues moverte máis alá de 3.000 (á app pouco lle importa, por exemplo, que estiveses limpando en profundidade as ventás, un exercicio profundo que é movemento).

Cando merquei o meu último móbil, Google Fit xa estaba instalada cunha versión nova, unha que seguía contando os pasos pero que me guiaba no mundo das prácticas saudables con outro reclamo. Era o dos puntos cardio e cada semana debía facer 150 para cumprir coas recomendacións da OMS. Nunca os fago (pero neste caso é porque a app me odia, como confirmei con probas empíricas, e nunca conta nada do que fago), pero o novo método fai dun xeito inevitable que nos preguntemos por eses 10.000 pasos que eran o patrón ouro da vida healthy. Eran unha mentira?

Érano. A propia Google Fit explicaba –polo menos daquela– que os pasos eran un medidor non sempre acertado para facer un seguimento de prácticas saudables. O certo é que os pasos nunca o foron, porque sempre foron fume. Se entraches na relixión dos 10.000 pasos como práctica que che aseguraba que estabas a facer todo o mellor posible, en realidade estabas simplemente asumindo como dogma o que non foi máis que unha invención brillante dalgún publicitario do Xapón dos anos 60.

A idea dos 10.000 pasos apareceu en Xapón a mediados desa década, cando unha compañía quixo vender un podómetro de pulso aproveitando a escusa dos Xogos Olímpicos que se estaban celebrando. Como gancho para vender puxo un nome que soaba moi ben e que viña a significar algo así como o medidor dos 10.000 pasos. A idea implícita era que tiñas que chegar a esa cifra de pasos cada día. O reclamo publicitario callou como elemento de sabedoría popular vinculado á ciencia e quedou como unha desas boas prácticas. O boom dos wearables logrou nesta última década que o concepto se fixese aínda máis popular e máis global. Hoxe todo o mundo parece telo ben aprendido.

Pero, dado que detrás dos 10.000 pasos só había marketing e non ciencia, en realidade son unha idea baleira. Camiñar esa cifra redonda de pasos non é especialmente bo para a túa saúde (tampouco é malo, claro). Saír pasear é bo para a saúde e para levar unhas pautas de vida boas, pero a ciencia demostrou que esa cifra de pasos non significa nada. Con facer 4.400 ou 5.000 pasos cada día xa se ven melloras na saúde e unha vez que alcanzas os 7.500 pasos xa non se logra mellorar máis. Podes andar máis? Por suposto! Pero iso non implicará que vaia ter un retorno mellor para a túa saúde física.

 

Foto de Daniel Reche en Pexels

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *