Morramos de amor: Miyazaki en 8bits

O venres pasado tivo lugar a estrea en España de ‘O vento se levanta’, o último e, segundo o director, tamén derradeiro filme de Hayao Miyazaki. Pero non vos imos falar desa longametraxe (principalmente porque aínda non a vimos e non somos deses medios!), senón dunha pequena e fermosa homenaxe ao director e ao seu Studio Ghibli que está a circular estes días por Internet. O responsable é o deseñador Richard J. Evans, que decidiu facer que todos sintamos punzadas de nostalxia grazas á súa idea: pasar os personaxes máis famosos do Studio Ghibli a 8bits. Intentas matarnos, Richard?

O deseñador defínese no seu Behance (ese sitio onde todos os que vos adicades a algo visual deberiades ter un porfolio) coma un “artista multidisciplinar especializado no deseño abstracto, surrealista e conceptual”, indicando que normalmente mestura “temas e estilos que contrastan”. Exactamente o que fixo aquí. Vemos a personaxes clásicos de Miyazaki coma Totoro, o Porco Rosso ou Chihiro en modo videoxogo da nosa infancia e, maldita sexa, agora queremos que sexan máis que ilustracións e xogar. Pero teremos que conformarnos con ver as imaxes.

(Fai click nas imaxes para entrar na fotogalería)

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *