Xente creativa que ten unha idea ou un proxecto listo para ensinarllo ao mundo: un ano máis (e xa van catro!), en Disquecool colaboramos co Culturgal para comisariar ese espazo alternativo no que buscamos, precisamente, a xente coma ti. O evento terá lugar durante a Feira das Industrias Culturais, entre o 5 e 7 de decembro en Pontevedra. Xa sabes de que estamos a falar, non? Volve o Off Culturgal e hoxe abrimos convocatoria para recibir propostas!
Que é exactamente o Off Culturgal? Como xa vos explicamos nas edicións anteriores, non se trata dunha conferencia chea de intervencións longas, detalladas ou técnicas. Buscamos a xente que sexa quen de facer a súa presentación en 9 minutos: 6 adicados á presentación e 3 minutos para as preguntas do público. Todo moi visual, acompañado de 18 diapositivas, con 20 segundos para cada una, que se sucederán de forma automática. E nada de clásicas presentacións en Power Point cheas de texto. Son só un apoio visual para iso que está a contar quen fala.
Quen pode participar? Seleccionamos proxectos de ámbito galego do campo da creación: deseño (de produto, web, de moda…), edición, audiovisual, ilustración, música, proxectos sociais, arquitectura, fotografía, arte, gastronomía… Somos un espazo alternativo no que non nos importa se a vosa idea fará ou non cartos (esquecede palabras como monetización ou plan de negocio): queremos ver amor polo teu proxecto, talento, ideas, proxectos creativos, innovadores, emocionantes ou inspiradores. Podes botarlle un ollo aos seleccionados en 2011, en 2012 e 2013 para facerte unha idea.
Se cres que o teu proxecto o ten todo para participar no Off Culturgal, que é unha idea innovadora, creativa e sorprendente, ponte mans á obra: envíanos a túa proposta a info@disquecool.com, cunha breve descrición do proxecto e 4 imaxes ou diapositivas das 18 que presentarías. Pechamos o prazo para recibir candidaturas o vindeiro 10 de novembro. Os 9 proxectos seleccionados recibirán un correo electrónico o luns 13 de novembro comunicándollo e terán ata o 24 de novembro para mandar a presentación final.
Xa sabes, non o deixes para o último momento!
2 comentarios