Tes unha idea brillante e creativa? Pois entón sigue lendo porque imos darche a chave para que lla contes ao mundo. Hoxe mesmo comezamos a procura das 9 propostas creativas e sorprendentes que se subirán ao escenario durante o Off Cultural, o espazo alternativo que comisaría Disquecool dentro da Feira das Industrias Culturais, Culturgal, que se celebrará entre o 29 de novembro e o 1 de decembro en Pontevedra. Queres saber que procuramos e como converterte nun dos escollidos? Moita atención.
O Off Culturgal non é unha conferencia. Como xa vos diciamos o ano pasado, non queremos unha intervención longa, nin unha explicación detallada e técnica do que andades a facer. Cada participante terá 9 minutos para contar a súa historia: 6 estarán adicados á presentación e 3 minutos ás preguntas do público. Cada intervención irá acompañada dunha presentación de 18 diapositivas, de 20 segundos cada unha, que se sucederán automaticamente mentres a persoa fala. Pero esquecede do Power Point porque aquí é só un acompañante, xamais o importante.
Quen pode participar? Seleccionamos proxectos de ámbito galego do campo da creación: deseño (de produto, web, de moda…), edición, audiovisual, ilustración, música, proxectos sociais, arquitectura, fotografía, arte, gastronomía… Non procuramos o Google galego, nin a idea que cambiará o mundo dos negocios: queremos ver amor polo teu proxecto, talento, ideas, proxectos creativos, innovadores, emocionantes ou inspiradores. Podes botarlle un ollo aos seleccionados en 2011 ou en 2012 para facerte unha idea.
Pensas que o teu proxecto é unha desas ideas creativas, innovadoras e sorprendentes que andamos buscando? Manda entón a túa proposta ao correo electrónico info@disquecool.com. Precisamos unha breve descrición do teu proxecto e 4 imaxes ou diapositivas das 18 que presentarías. O prazo para mandar a túa candidatura pechará o 3 de novembro. Os 9 proxectos seleccionados recibirán un correo electrónico durante a primeira semana de novembro comunicándollo e terán ata o 22 de novembro para mandar a presentación final.
A que estas agardando?
1 comentario