Día Mundial do Orgullo Maleni

AmelieO 19 de outubro de 2001 chegou a España Amélie, a película de Jean-Paul Jeneut que tanto dano fixo (non é que teñamos unha memoria prodixiosa, é que usamos o IMDB). Amélie é a culpable de moitas cousas: dende os cortes de pelo estraños, ata á normalización dos costumes realmente WTF (agora a ninguén lle parece tan mal roubar fotos nun fotomatón para facer un álbum de recortes), pasando pola reconversión de París de cidade culta e intelectual a pequeno paraíso da cor de rosa. Pero Amélie non é só culpable de todo iso: tamén está detrás de boom das malenis. Ou iso é o que anunciou hai xa uns anos a pensadora contemporánea Raquel Gratis Total, que foi a primeira en acuñar un nome científico para esas rapazas que levan vestidos de flores, zapatos de puntas redondas e comen cupcakes mentres len cousas vintage. E por iso, por esa orixe, decidimos converter o 19 de outubro no Día Mundial do Orgullo Maleni.

Seguramente vos preguntaredes cales son as razóns polas que o mundo (un mundo cheo de días do orgullo de algo) precisa unha xornada de exaltación das malenis. Se sodes desa xente que non comprende esa intoxicación na que estamos sumidos en glaseado, flores e taciñas vitorianas de porcelana fina, posiblemente estaredes a poucos segundos de coller o portátil/o tablet/o smartphone e tiralo con furia contra o chan berrando a vosa indignación. E por xente como vós polo que é preciso un día de exaltación do cupcake, dos zapatos maryjane e das cores pastel? Non, claro, aínda que vos invitamos a ser tolerantes. Porque as malenis son unhas incomprendidas e cada vez están peor vistas. Para chamar á solidariedade, reivindicar o dereito a ser maleni se che peta, aproveitar para comer algúns doces e ter unha escusa para mercar algunha cousa ñoña que non te atrevías a adquirir, para todo iso, creamos o Día Mundial do Orgullo Maleni.

Cartelería maleni

Cartelería maleni

Que podes facer ese día? O 19 de outubro é un sábado, así que tes todo o día para adicalo á exaltación maleni.

O primeiro é, por suposto, comer un cupcake. Invitámosvos a comer un cupcake en público, para desafiar todos os prexuízos que poidan existir sobre o malenismo. Podedes ir a algún lugar representativo e con toques malenis a unha hora concreta para darlle máis peso a acción. En Santiago, por exemplo, nada con máis potencial de ídolo maleni que as Dúas Marías. Deixade nos comentarios lugares e horas.

O segundo punto segue polo da comida. Aproveitemos que é o Día Mundial do Orgullo Maleni para comer todos e cantos máis doces podamos. Poñede en Google “pasteis maleni” e atoparedes moita inspiración. Podedes mercalos ou podedes (e isto sería o sublime do malenismo) facelos.

O terceiro é, claro está, incorporar algo maleni á vestimenta do día. Todo toque maleni será benvido, dende os zapatos ata o cabelo.

O cuarto é o de facer algo vintage. Que gusta máis no mundo maleni que un cupcake? Algo retro. Pensade en algo vintage que vos convenza  e entregádevos a iso con entusiamo. Pode ser dende ir a falar ao Café Derby sobre literatura (podedes falar de Nancy Mitford, que debería ser a autora de cabeceira maleni) ata parar na sombreirería da rúa do Vilar e mercar un deses sombreiros tan retro (si, son unhas recomendacións moi santiaguesas, pero podedes facer unha ruta retro á medida en calquera outro lugar).

O quinto é o de coller un bo libro maleni e adicar o sábado á súa lectura.

E por suposto compartir todo en redes sociais usando o hashtag #orgullomaleni.

Fotos | Amélie,  lamantin

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *