Nancy Mitford: humor en clima frío

En setembro de 1939, Unity Mitford saíu da súa casa en Múnic, foi ata un parque e pegouse un tiro. Tentara suicidarse, aínda que non morreu e foi repatriada onde a súa familia, en Reino Unido, onde viviu aínda ata finais dos anos 40. A razón do seu intento de suicidio, que será un dos meirandes escándalos aos que se enfrontaría a súa familia, foi, segundo unha das súas irmás, a imposibilidade de vivir nun mundo no que os dous países que máis amaba entraban en guerra. Unity Mitford, unha das famosas irmás británicas Mitford, era unha entusiasta da Alemaña nazi.

As irmás MitfordAnos antes, a súa irmá máis vella, Nancy, escribira unha novela, ‘Wings on the Green’ (que en castelán foi traducida como ‘Trifulca a la vista’ e que é a última, polo momento, das súas obras publicadas por Libros del Asteroide) na que falaba, dun xeito altamente satírico, sobre os fascistas ingleses, eses fans de Hitler entre os que se encontraba a súa irmá Unity. Na novela, a súa irmá é Eugenia Malmains, unha rica herdeira, moza e inxenua, que se entrega con paixón ao extremismo e organiza sen parar desfiles, viste de uniforme e vive coa obsesión do recrutamento. “Cando unha rapaciña como Eugenia perde a cabeza por algo, é bastante probable que sexa unha parvada”, explica unha das personaxes sobre o entusiasmo político da rapaza. O libro apareceu en 1935 e nunca máis volveu a ser editado. Antes da II Guerra Mundial, a novela enemistou a Nancy coa súa irmá Unity e coa outra irmá, Diana (casada co líder dos fascistas británicos). Despois da II Guerra Mundial, e á vista dos acontecementos, Nancy comentou que, tendo en conta todo o que pasara, non lle parecía de moi bo gusto facer bromas a conta de algo tan tráxico.

“En Inglaterra estivo durante anos fóra de circulación porque a autora decidiu que non se volvera a reimprimir porque lle parecía que trataba con frivolidade o tema do fascismo”, explícanos por mail Luis Solano, de Libros del Asteroide. “En 2009 os seus herdeiros accederon a que se volvera publicar e nós decidimos publicala en español porque pensamos que estaba ao nivel das catro novelas que publicáramos antes”. Libros del Asteroide ten no catálogo ‘A la caza del amor’ e ‘Amor en clima frío’, as máis famosas das obras de Nancy Mitford (adaptadas pola BBC xa en dúas ocasións), ‘La bendición’, unha divertida historia sobre un neno moi manipulador, e ‘No se lo digas a Alfred’, unha historia sobre o mundo diplomático. En case todas esas historias é posible seguir a pista da vida familiar da autora, unha historia que fixo que as súas obras e a súa persoa sexan especialmente coñecidas nos países anglosaxóns.

Nancy MitfordNancy Mitford era a máis vella dos seis fillos do baron Redesdale. O seu único irmán morreu na II Guerra Mundial e as súas irmás poderían dar para unha chea de películas taquilleras de Hollywood. Nancy era escritora (e vivía diso!) e bastante boa, Diana era unha socialite de vida escandalosa (casou co herdeiro da fortuna da cervexa Guiness, pero pronto o deixou para converterse primeiro en amante e logo en segunda esposa do líder do fascismo inglés Oswald Mosley), de Unity xa sabemos que foi e Jessica, a máis pequena das seis irmás, era comunista e fuxiu da casa para ir loitar coa II República na Guerra Civil (despois marcharía a Estados Unidos, onde no só sería unha destacada defensora dos dereitos civís senón tamén unha implicada xornalista). As novelas de Nancy Mitford, divertidas, lixeiras e irónicas, falan da vida da alta sociedade inglesa nos primeiros anos do século XX e teñen moitos ecos da súa vida familiar (sobre esa vida familiar, en castelán, Circe editou ‘Las hermanas Mitford’, de Annick le Floc’hmoan, unha biografía conxunta das irmás).

Fixo a súa historia familiar que Nancy Mitford se convertese nunha autora tan popular? “Ten algún peso, é certo, sobre todo na súa difusión en prensa”, apúntannos dende Libros del Asteroide. “Pero penso que as súas novelas sostéñense por si mesmas, con independencia do interese que poida espertar quen o escribiu. Por moita historia que teña un autor, o que importa é que as súas obras gusten”. E sería realmente unha mágoa que, por exemplo, en España, onde a súa historia familiar é menos popular, as súas obras non se lesen. En Libros del Asteroide (que ten un catálogo repleto de pequenas xoias e sobre todo non moi populares) editaron a Mitford en castelán “porque nos encantaba e porque nos parecía un crime que non estivese dispoñible en español”. “A recepción foi boísima, por iso nos animamos a publicar cinco novelas súas”, apuntan.

Mitford é moi popular noutros países aínda que non era tanto en España (antes da edición das súas obras en Libros del Asteroide, había unha edición de Círculo de Lectores de ‘A la caza del amor’ e pouco máis) onde a súa sátira social (especialmente divertida se se pensa que a autora está en realidade rindo dela mesma e o seu mundo) non tiveran a oportunidade de chegar ata os lectores. A edición de Libros del Asteroide (moi coidada) permite agora descubrir a prosa divertida, irónica e elegante da máis vella das polémicas irmás Mitford.

Fotos | Wikimedia | Libros del Asteroide

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *