O folletín volve

Oscar y las mujeres PEQHoxe en día agardamos con impaciencia nerviosa a chegada dos novos episodios das nosas series favoritas. Sufrimos polo destino dos seus protagonistas e comentamos nas redes sociais as súas desventuras coa esperanza de que os guionistas teñan en conta as nosas opinións e fagan que os nosos heroes teñan a sorte que pensamos que merecen. Pero houbo un tempo no que eran as novelas que aparecían por entregas nos xornais as que facían que os lectores sufriran, comentaran e agardaran con impaciencia a chegada dun novo episodio. O folletín literario caeu no esquecemento e, aínda que algunhas experiencias intentaron revivilo (aí está por exemplo a novela por entregas que cada verán publica La Voz de Galicia), ningunha gran editorial se lanzara á reconquista. Ata agora. En pleno século XXI e grazas ao libro electrónico, o folletín volve. Ou polo menos o intenta.

 “A televisión rematou coa literatura por entregas”, explícanos Santiago Roncagliolo cando lle preguntamos sobre o sentido do folletín nos tempos modernos. “Por que mercar historias todas as semanas se podes recibilas gratis na casa? Pero internet fíxoo outra vez posible: podes conseguir as historias cun único click”.

Roncagliolo é o autor de ‘Óscar y las mujeres’, unha novela editada por Alfaguara e que sairá en ebook o 19 de febreiro por 9,99 euros e en libro en papel por 19,50. A novela está dividida en 9 episodios que están aparecendo dende o pasado 18 de xaneiro en formato libro electrónico para a súa descarga individual por menos de un euro cada un. Así, os lectores poden ir facéndose coa novela en anaquiños e ir avanzando cada día un pouco na trama, cos seus misterios e pausas dramáticas. “Nesta novela ía ben: Óscar escribe culebróns. Así que resulta divertido que leas a súa historia por entregas, que esperes polos personaxes como os espectadores esperan polas malvadas e os galáns cada día”.

A fórmula funciona. Hoxe sairá o episodio número 4 nas tendas de libros electrónicos de Amazon e da Casa del Libro, en iTunes e na Play Store. Cada capítulo incorpora ao final un breve adianto do que pasará no seguinte, como fan algunhas series (momento que todos os fans da serie en cuestión agardan con entusiasmo). A historia, polo que vai publicado (e neste caso lido), tamén encaixa moi ben co modelo. Óscar, o protagonista, é un guionista de culebróns ao que a súa moza, Natalia, deixa quedar no primeiro capítulo; un problema terrible, xa que Óscar só consigue escribir historias de amor cando el mesmo está namorado. Así que o seu produtor decide buscarlle un novo amor. A historia avanza entre a nova realidade sentimental de Óscar, a escritura do guión para a telenovela e o descubrimento por parte de Óscar de como é o mundo real. Porque, por certo, Óscar é esa clase de persoas repelentes que viven cheas de manías. A desaparecida Natalia era quen lle permitía vivir sen problemas filtrando todas esas cousas que a el lle facían infeliz.

O final da súa historia está pechado, así que os lectores non conseguiremos alterar o destino de Óscar. “Está pechada porque tamén sairá en libro. Non sería xusto para os lectores darlles un libro en internet e outro en papel”, explícanos por correo electrónico. “Pero tamén experimentei coa creación interactiva. Hai un par de anos escribín unha novela cos internautas. Foi divertido”, engade. Roncagliolo semella un aventureiro da rede. Cando lle preguntamos se unha novela por entregas pode ser un experimento ou unha nova fiestra para chegar aos lectores, explícanos que “só hai un xeito de saber se existe esa fiestra: experimentando. A meirande parte dos intelectuais viven lamentándose de internet. A min interésame máis usala como xoguete. Non sei a onde me leva, pero é atractivo averigualo”.

Foto | Alfaguara

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *