Dentro duns anos o que pasou na última fin de semana entrará dentro dos libros de historia como o momento no que mudou a historia da lingua galega. Por vez primeira, os galegos puideron manifestarse de forma democrática (e non ter que agardar a que o fixese a RAG) sobre a lingua. Disquecool organizou un referendo para escoller a palabra máis chunga do galego, aquela máis odiada, aquela máis infame e os galegos (polo menos os galegos que pasaron polo Culturgal e que se deixaron mercar cunha chapa) participaron de forma masiva na festa da democracia. E agora, colexio electoral pechado, chega o momento de dar os resultados. Xa hai unha palabra odiada que é, de xeito oficial, a menos querida da lingua galega. A palabra é “grazas”.
“Grazas” é a gran vencedora do referendo realizado por Disquecool durante o Culturgal, que acaba de celebrarse en Pontevedra, e é tamén unha das que conseguiu máis comentarios cheos de carraxe a pé de urna. Os votantes dixeron de todo sobre esta palabra (de todo menos guapa) e expresaron de forma clara e incuestionable o seu odio por ela.
A outra palabra máis odiada é “merda”, aínda que este termo debe o seu triunfo sobre todo ao voto infantil, que tivo nesta palabra a súa favorita para o voto. O referendo de Disquecool no puña idade mínima para exercer o dereito ao voto (só escribir nunha papeleta era requirido e non valía con votar por redes sociais) e, polo tanto, os nenos puideron unirse tamén á festa da democracia. Para o público infantil escoller a palabra máis fea non resultaba complicado e todos acababan tirando por derivados de “merda” e similares (aínda que tamén hai algún voto por “colexio” con letra inequivocamente infantil). Algún ata inventou a súa propia palabra infame, como ocorre co termo “cacapochi”, que conseguiu seducir polo menos a unha redactora de Disquecool que quere permanecer no anonimato pero que está decidida a facer del o termo de moda no ano 2015. “Penso empezar a usalo na vida cotiá, porque parece moi versátil. Síntome cacapochi soa perfecto”, di a misteriosa X.
Pero “grazas” e “merda” non só os únicos termos que conseguiron espertar as iras do público e que acumularon votos. Entre os votantes observáronse tres tendencias. Por unha banda estaban aqueles que votaban por esas palabras que aparecen habitualmente nas listas das máis bonitas ou queridas e que, por iso, acabaron converténdose en odiables, como sucede con “bolboreta” ou “amor”. Por outra, están as palabras que teñen significados ou contextos que se asocian ao feo, como poden ser “merda” ou “puta”. E por último están aquelas que só se lles escoitan aos políticos ou aos medios de comunicación, como “nembargantes”, “orzamento” ou “seareiros”.
Por que unha votación do peor?
Por que dedicar os tres días de Culturgal a escoller a palabra máis odiada do galego? A pesar de que moitos dos que viñan votar poñían mala cara e dicían, co corazón na man, que no galego non hai palabras feas, o certo é que todas as linguas teñen palabras dignas do desdén e do odio dos falantes. Vai na propia natureza das cousas.
Pero a pesar de que existen palabras odiadas e odiables, poucos son os que se paran a pensar nelas e todo o mundo prefire sempre pensar en todas esas palabras que son dignas dun póster inspiracional. É por iso que os medios de comunicación están cheos de rankings e votacións de palabras bonitas. “É demasiado mainstream”, concluímos na redacción de Disquecool.
Vale, e polo resto?
De xeito paralelo a este momento histórico que se estaba a celebrar no stand 60 do Culturgal, no resto do Pazo da Cultura de Pontevedra tivo lugar unha feira das industrias culturais que, como sucede cada ano, molou bastante. E se ademais tes 5 anos, non é que mole, é que é o paraíso.
Colas para pagar libros, avalanchas de visitantes (mesmo se este ano a entrada non era de balde), xente que quedaba de pé nalgunhas das charlas porque non había espazo suficiente para sentar, o moito que mola o Off Culturgal ;), un catering que servía lentellas (e isto chegou ao corazón polo menos dunha parte da redacción de Disquecool) e outras moitas cousas confirmaron que polo pre-Nadal a cultura galega é unha festa.
A min a que máis me mola do galego é “chungo”.
E “mola” tamén.
Cousas veredes! Tanto “chungo” como “mola” son palabras provintes do CALÓ (dialecto do romaní adaptado a gramática da lingua castelá), así que son palabras ciganas, con todo o respeito pra os ciganos, ou “madriñelismos”, mais non propiamente galegas. Outra cousa ben diferente é que ti as uses con total normalidade. Pero de aí a que as consideres galegas…
http://es.m.wikipedia.org/wiki/Anexo:Palabras_del_espa%C3%B1ol_culto_y_coloquial_provenientes_del_cal%C3%B3
Estou de acordo con vicente. Boas opcións, mais eu prefiro “rodilla” como a mellor en galego, e “neno” como a mellor en castelán.