Hai xa un par de semanas que comezou o ano, pero nunca é tarde para comprometerse con novos propósitos. Deitarse cedo, comer san ou facer deporte tres veces por semana son todos eles moi loables, pero o único realmente indispensable é ese de ler máis, así que se non o tiñas na túa lista, é o momento de apuntalo. Hai moitas razón para tratar de ler máis; porque cando lle damos a oportunidade recordamos canto nos gustaba, porque axuda a durmir mellor, porque reduce o estrés, porque axuda a previr enfermidades neurodexenerativas ou porque así impresionarás as túas potenciais futuras parellas, tanto dá. O importante agora sería descubrir como conseguilo.
Apagar o móbil, irse á cama antes ou levar sempre un libro no bolso son boas formas de logralo. Pero a mellor de todas é apuntarte a un reto de lectura. Hai cinco razóns polas que deberías facelo.
1. Está de moda
Parece que ultimamente todos os lectores con certa presenza en Internet adícanse a compartir os seus obxectivos de lectura anuais, pero a evidencia máis clara de que é tendencia é o feito de que Mark Zuckerberg (o creador de facebook, si) se propuxese ler un libro cada 15 días e crease con tal fin un club de lectura en facebook, A year of books, que leva xa máis de 66500 seguidores.
2. Compites
Ás veces un necesita marcarse metas para comezar a facer algo, e a pouco que sexa competitivo, os retos métense na cabeza e non a abandonan ata que están cumpridos. Funciona, así, como un factor motivacional extra ao teu gusto polos libros.
3. É social
E mellor que competir contra ti mesmo é facelo contra os demais. Ou polo menos, comprometerse publicamente a ler 20, 30 ou 60 libros (depende do optimista que sexas). Veraste obrigado a facelo para non quedar como un flipado diante dos amigos.
4. Les cousas que non contabas con ler
Moitos retos de lectura fan fincapé en ler clásicos, ou xéneros en concreto, ou libros de determinados países, ou lecturas o máis variadas posibles. Seguíndoos acabas lendo cousas que nunca imaxinaras que lerías, e levándote así as mellores sorpresas. Porque un se pecha sen darse de conta, pero abrirse é moito máis complicado -sen un toque de atención externo-.
5. Engancha
A medida que vas tachando cousas da lista vas sentíndote mellor e mellor. Esa sensación engancha e xa non es quen de defraudarte a ti mesmo deixando o reto á metade. Ademais que xa sabes que unha vez consegues facer algo 30 días seguidos, queda dentro de ti e o corpo xa cho pide.
E por suposto, agora que xa sabes que debes sumarte a un reto de lectura, tamén podemos recomendarte a cal (aínda que avisamos que non seremos obxectivas). En Librópatas teñen un reto moi completo que consiste en ler 24 libros de acordo cos seguintes supostos:
- Un xénero que non leas con frecuencia (ou mellor aínda, que non tiñas lido nunca)
- Un libro publicado por unha pequena editorial independente
- Un clásico deses que se supón todo intelectual debería ter lido
- Un libro aínda por ler dun dos teus escritores favoritos
- Un libro escrito por unha muller antes de 1900
- Un libro escrito nunha lingua con menos dun millón de falantes
- Un libro que teña lugar en África
- Un libro que teña lugar en Asia
- Un libro que teña lugar na túa cidade (ou cerca)
- Un libro publicado neste ano (2015)
- Un libro escrito por alguén cando aínda non tiña 25 anos
- Un libro da literatura española do século XXI
- Un libro que gañara un gran premio nos últimos 10 anos
- Un libro con protagonistas non humanos
- Un libro dun autor que nacese o mesmo día ca ti
- Un libro baseado nunha historia real
- Un libro de máis de 500 páxinas
- O primeiro libro dun autor famoso
- Un libro ao chou, elixido só pola portada e antes de ler o resumo (e non vale se coñeces xa ao autor)
- Un libro da literatura infantil ou xuvenil
- Un libro dun autor novel autoeditado
- Un clásico esquecido
- Un libro sobre libros
- Un libro que teñas na casa sen ler
Podes unirte co hastag #retópatas en twitter ou comentar os teus progresos tanto aquí como no post de Librópatas.
Foto | Kate Ter Haar