Ler. Durante anos – e posiblemente aínda hoxe – no noso subconsciente esa palabra estivo asociada a libros de tapa dura, bibliotecas con encadernacións retro e horas e horas dedicadas á lectura en espazos silenciosos e de certo aire académico. Ler é agora algo un tanto diferente a iso, xa que os tempos modernos modificaron como nos achegamos á lectura e mesmo como a lectura se achega a nós. Ler xa non é só unha cousa de bibliotecas de aires retro e de horas pasadas en librarías buscando entre as mesas de novidades os libros preferidos. Ler é hoxe algo que inclúe dispositivos electrónicos, cafeterías modernas nas que podes mercar a merenda e un libro e, como non, ecommerce.
De feito, mercamos moito libro na rede. Segundo o último barómetro da CNMC, a Comisión Nacional do Mercado e da Competencia, os libros, discos e xornais son os que lideran as transaccións de ecommerce en España (son datos para o segundo trimestre de 2014, o último auditado). Os libros non son que máis diñeiro move (o sector con maior volume de negocio no terreo do comercio electrónico son as viaxes) pero si as que máis operacións teñen, por tanto, de compras. Un 8,2% de todas as transaccións foron desde sector (e o segundo que máis xera foi o das apps e os contidos, tamén un pouco na mesma liña).
E, aínda que menos que en anos anteriores (a crise tamén tivo o seu impacto no mundo do libro), tamén seguimos mercando en xeral libros. Segundo datos do Consello da Cultura Galega, o gasto medio por fogar galego en libros foi en 2013 de 109,6 euros (fronte a media de 106,6 de España) e por persoa gastamos 43 euros en libro ao ano (en España a media é de 42,1).
A loita entre ebooks e libros de papel
A industria editorial (e moitos artigos sobre o tema: o dos conflitos sempre é un tema que nos encanta aos xornalistas) está mostrando o cambio de modelo da industria do libro cara o libro electrónico case como unha cuestión de uns e outros, aínda que o certo é que nin un vai matar ao outro nin o outro vai desaparecer para sempre como recordo dos tempos dos avós. O libro de papel e o ebook están convivindo e os lectores están apostando polos dous formatos. Segundo datos do CIS, os españois coñecen o que é un ebook (un 84,7% di que escoitou falar do formato) aínda que un 66,3% nunca probou a ler neste formato (fronte a un 15,2% que asegura que o fixo en bastantes ocasións). Os lectores seguen a ser en papel, segundo o CIS, e un 79,7% asegura que le nese formato fronte ao 11,1 que é todo electrónico. Un 8,7% emprega de forma indistinta os dous formatos.
Vai morrer o ebook a pesar de todo o seu boom? Por moito que as declaracións do responsable de Waterstone indicando que os ebooks están a pasar de moda supuxeran un bo material de artillería para os fans os libros de papel e por moito que os adolescentes parezan inclinados a ler sobre todo en papel (porque lles gusta a experiencia e buscan eses libros aos que se lles poder ver que foron lidos), o certo é que non se pode matar ao ebook. Os libros electrónicos están aquí e aquí quedarán e os lectores axustarán como len ao que lles interesa en cada momento e ao que buscan no libro (todos temos as nosas persoais razóns para quedarnos en cada momento cun ou outro formato). As editoriais non terán máis remedio que axustarse aos lectores e ofrecerlles o que queren no momento no que o buscan.
Galicia é, de feito e segundo datos de Grammata, a sétima comunidade autónoma de España na que máis se le en formato electrónico.
O que nos gusta ler
As mesas de novidades das grandes cadeas de librarías son un bo barómetro para ver o que realmente se está movendo na industria editorial e, sobre todo, o que consegue unha mellor recepción entre os lectores/consumidores. Somos fans da lectura en xeral? Se lemos con atención os datos do último barómetro do CIS que tratou o tema (o de decembro e con datos xerais para España e non ao detalle por comunidades autónomas), a resposta a esa cuestión é complexa. O folklore popular di que non lemos e que ler non nos gusta. As estatísticas dan moitos datos que presentan resultados variopintos. Así a lectura interesa ao 61,7 % da poboación española (a un 27,6% interésalle moito e a un 34,1% bastante). Pero ao mesmo tempo un 27,6% di que os libros lle interesan pouco e un 10,4% nada en absoluto.
A esas cifras hai que lles sumar tamén outro dato que ten o poder de converterse en clicable titular aínda ben non acabas de escribilo: un 20,8% dos españois “raramente” le. E un 66,1% das persoas considera que en España a xente le en xeral pouco. Un 19,8% dos españois di que non le case nunca e un 15,2 nunca (e a explicación para non facelo está en que ler non lles gusta ou non lles interesa, cun 42% de españois que non len que a escolleron como resposta). O 29,3% que le todos os días e o 16,1 que o fai unha ou dúas veces por semana quedan, por tanto, como un grupo de resistencia.
Os españois din que a novela histórica é o que máis lles gusta, pero en realidade o que máis mercan é novela romántica
Que lemos e por que o facemos? Un 61,6% dos enquisados polo CIS que len de forma recorrente asegura que o fan como un elemento de distracción. En definitiva, lemos para pasalo ben. E, segundo eses españois lectores e as súas confidencias ao CIS, o que máis gusta é a novela histórica (xénero primeiro na lista de favoritos para un 23,6% dos enquisados) e a novela en xeral (17,9%). As cifras de ventas, sen embargo, mostran certas diverxencias co que se confesa que se ama. Segundo os datos do CIS, só un 6,1% di que as novelas de amor son as súas favoritas (e non, non é un dos xéneros que aparece con mellores datos) mentres que segundo as cifras da Federación de Gremios de Editores de España é o segundo subxénero en novela por volume de ventas.
O mesmo din as cifras de ventas das plataformas de libros online. Segundo datos de Grammata baseados na distribución de libros electrónicos, a narrativa romántica e a novela erótica son o que máis se vende. O 33% de todos os libros que eles venderon nese formato en 2014 foron xustamente títulos destes dous subxéneros. Nora Roberts, Megan Maxwell ou a clásica Danielle Steel son quen lideran as ventas, sinala o Barómetro de Lectura Electrónica elaborado pola compañía.
Como os autores xa non precisan editores
Un dos grandes cambios que trouxo o cambio de modelo de negocio no mundo dos libro é a aparición do fenómeno da autoedición. En realidade, publicar un mesmo os propios libros non é unha cousa tan nova. Antes de que a edición se convertera nun fenómeno de masas, alá polo século XIX, os escritores dun xeito bastante habitual pagaban parte ou toda a edición do seu libro. Moitos autores hoxe famosos e considerados clásicos publicaron eles mesmos, de feito, os libros que hoxe reverenciamos como grandes clásicos da literatura. Pero, sen embargo, nos últimos dous séculos autoeditar non era nin sinxelo nin algo especialmente ben visto. A aparición de internet primeiro, a consolidación do ebook como formato de lectura e a aparición despois de plataformas a medida para a autopublicación crearon o fenómeno da autoedición que coñecemos hoxe en día.
En mercados como Estados Unidos, onde a autoedición e o libro electrónico comezaron antes, o número de obras que se publican empregando estes canais, como demostran os datos da axencia do ISBN estadounidense, Bowker, son cada vez máis. En 2013 eran un 437% máis das que saían en 2008. En España, as plataformas de autoedición tamén conseguiron espertar interese entre os consumidores, xa sexan as que comezaron coa autoedición en papel hai uns anos, como Bubok, ou as que chegaron máis tarde e apostando polo ebook, como o KDP de Amazon. Como nos explicaba Koro Castellano, a directora de Kindle España, esperaban que a plataforma tivese éxito en España, pero aínda así lles sorprendeu a rapidez de acollida entre os autores.
Aínda quedan moitos datos estadísticos por crear sobre o mercado do libro autopublicado (aínda que xa sabemos que, en Amazon España e en 2013, o 48% dos ebooks máis vendidos pertencían a este tipo de edición) e moito por traballar para averiguar en realidade como está cambiando o mundo editorial. En Estados Unidos, como sinalaban os portavoces de Bowker cando presentaban os datos do ISBN, o fenómeno está deixando de ser algo que un fai por tentar á sorte e estase a converter nun elemento máis do universo editorial, profesionalizado e con certos valores que fan que eses autores cheguen realmente aos lectores. Os autores autoeditados son unha sorte de emprendedores que traballan a todos os niveis para conseguir xerar beneficios e ingresos coa súa obra.
Ademais, e como coinciden os representantes das plataformas de autoedición, os libros autoeditados non son mirados con ollos distintos polos lectores. Moitas veces estes nin sequera son conscientes de que o que teñen nas mans non é un libro tradicional, por así dicilo, senón un texto que o seu propio autor lanzou ao mercado. Tendo en conta que os escritores autoeditados teñen un maior poder para xogar cos prezos dos seus textos, o atractivo pode ser ás veces maior para os lectores.
Vivir da autoedición é ademais non algo imposible. Dúas autoras autoeditadas de novela romántica / erótica, Jasinda Wilder e Meredith Wild, acaban de pechar acordos millonarios (en dólares) con dous xigantes editoriais estadounidenses (no caso de Wild, segundo datos da prensa francesa – ela fichou pola rama estadounidense de Hachette -, foron sete millóns de dólares). Algúns escritores españois xa conseguiron tamén vivir da autoedición (aínda que non protagonicen historias tan rechamantes como estas dúas) e, como nos explicaba Castellano, quen triunfan no universo autoeditado conségueno porque realmente non se enfrontan a este mundo dun xeito amateur. Establecen estratexias de promoción, apostan polas redes sociais e conseguen posicionar os seus contidos. E, si, non todos os autoeditados conseguen o soño de vivir diso ou de ingresar cheques extraordinarios cos seus dereitos de autor, pero o certo é que tampouco todos os escritores da industria tradicional o logran.
Galicia é unha potencia en autoedición e Vigo é a súa capital
Como funcionan os libros autoeditados segundo as linguas? “Depende da xente que fala esa lingua”, respóndenos Koro Castellano, de Amazon. “Por exemplo, hai máis en catalán que en galego”, sinala. Poderíase concluír, por tanto e reflexionando sobre estes datos, que a oferta de textos autoeditados está marcada pola demanda como ocorre coa edición tradicional e que os escritores autoeditados están lastrados polos mesmos problemas (en segundo que cousas) que os escritores tradicionais. Aínda que, por outra banda, a publicación ‘auto’ permite eliminar certas barreiras de entrada (en realidade, se queres publicalo podes, por moi de nicho que sexas e por moito que non encaixes no que a industria editorial está vendendo), o que podería servir para matar algúns deses problemas.
Eliminando a cuestión da lingua da ecuación e quedando só coa parte xeográfica, Galicia podería ser unha potencia da autoedición. “O que vimos é que os galegos son máis dinámicos que outras comunidades autónomas”, dinos Koro Castellano sobre a autoedición en Galicia. Galicia ten, de feito, “centos de autores” publicando en KDP. Vigo e A Coruña son as cidades máis dinámicas en autoedición e, das dúas, Vigo é a que supera en cuestión de dinamismo. As dúas cidades contan máis ou menos co mesmo número de autores, pero estes escritores non son similares en termos de volume de traballo. Segundo os datos de Amazon, Vigo publica catro veces máis títulos por autor que Coruña.
Fotos Amazon, CircaSassy, Taylor Leopold/Unsplash