10 razóns para ir á Romaría Pop

Romaria Pop en Santiago de Compostela

A Romaría Pop volve un ano máis ao Parque de Belvís! Será o vindeiro sábado 14 de xuño (é dicir, este non, o seguinte), e para esta terceira edición os organizadores de Desconcierto Cultural prometen máis e mellor. Seguirán os grandes favoritos que fan da Romaría Pop unha romaría e non unha feira máis (si, falamos do polbo e do churrasco), seguirá habendo moitos postos de roupa e música e artesanía, e seguirá habendo concertos. Pero este ano todo medra. Se xa estiveches outros anos na Romaría, seguro que xa tes ese sábado marcado na túa axenda. Se aínda non sabes ben que significa este evento, continúa lendo. Estas son 10 razóns para ir á Romaría Pop:

1. Os concertos. Aínda que ás veces parece que o dos concertos queda nun segundo plano ante todas as cousas que ten que ofrecer a Romaría Pop, en canto lle botas unha ollada ao cartel ves que a cousa vai en serio. Fieis ao seu compromiso de intentar xuntar a bandas do máis eclécticas para satisfacer a todos os presentes, este ano haberá tamén un pouco de todo. Están confirmados Niño y Pistola, Linda Guilala, Apenino, Ataque Escampe, Aries, Los Chavales, Demonhigh, Puma Pumku e Fogbound. Non está mal!

2. O swing. Xa vos contamos hai un par de anos que o swing está de moda. Daquela non atopamos clases en Galicia, pero moito teñen cambiado as cousas desde entón. Queres empezar a bailar swing e ver que tal o fas? Vai á Romaría Pop! Haberá dous obradoiros, un para pequenos e outro para adultos. Como estamos tan contentos con esta parte, daremos máis detalles nos próximos días para que saibades ben que esperar.

3. A comida. Churrasco e polbo, xa sabes, pero haberá moito máis. Ademais das opcións para vexetarianos e celíacos, este ano a Romaría Pop contará coa representación dalgúns locais da cidade como o Garum e o Kunsthalle, entre outros. A oferta medrará moito, así que ide cos estómagos con espazo libre. Para beber haberá vermut de Lodeiros, viños de Joaquín Rebolledo, e Estrella Galicia. Ademais de auga (si) e outros refrescos, claro. Xa vos contaremos máis!

4. O pasarrúas fronteirizo. Unha das novidades deste ano que fará que a Romaría Pop saia de Belvís e se extenda por Compostela: asegúrate de estar arredor das 12 na praza do Toural. Será nese momento cando saia o pasarrúas dos Mustang Charros, que perrcorrerá o Casco Vello ata Belvís enchendo as rúas de música tex mex, con mariachis incluídos.

5. Os vinilos. Es desas persoas que só escoitan música en vinilo? Ou desas que mercan vinilo por postureo pero despois non teñen onde escoitalas? Aínda non sabes que o que molan son as cassetes (que igual son xa demasiado mainstream, estamos por pedir a volta do CD)? Entón serás moi feliz na Romaría Pop. Este ano haberá bastantes máis postos nos que mercar discos de vinilo, leva unha bolsa ben grande e vai correndo a IKEA a facerte cunha das últimas Expedit!

6. Os obradoiros. Para grandes e para pequenos. Ademais do noso favorito, o de experimentación musical, haberá un de decoración de zapatillas Victoria con Antoxo de Toxo, o xa clásico de camisetas rock, un de sombreiros reciclados e outro de instrumentos de refugallo (ambos con CircusLab). E máis actividades! Un desfile perruno e dous partidos de Fútbol 8 do máis indie: un clásico Blur vs Oasis e outro Belle & Sebastian vs Crystal Fighters.

7. A feira. Non o esquezamos: a Romaría Pop é tamén unha enorme feira! Postos de roupa vintage, música, deseñadores, xente que fai artesanía cool de todo tipo… Aínda non se sabe demasiado sobre o que haberá este ano, só que ampliarán o número de postos, animando sobre todo á xente que teña algo novidoso que ofrecer ou relacionado coa música.

8. Belvís. O parque de Belvís parece ás veces agochado. Sorprenderíavos canta xente residente en Compostela nunca o pisou, quen sabe por que. Non está lonxe, e non é nada pequeno, e sen embargo parece que é moito menos popular que Bonaval. E nós somos moi fans de Bonaval, pero Belvís, como descubrirás se es deses que non estivo nunca alí, é tamén fantástico. Cando derriben o edificio da Casa da Xuventude na praza do Matadero (este verán) todo cambiará.

9. O bo tempo. Somos un pouco como El Periódico, que xa tiña o titular “El Rey abdica” publicado minutos antes de que Rajoy fixese a súa comparecencia. Así, vendo que en Meteogalicia só hai datos ata o vindeiro mércores e que ese día hai sol e 25º, atrevémonos a prognosticar bo tempo para a Romaría Pop. Porque as cousas non poden cambiar en tan poucos días, non? (esperamos non ser gafes).

10. Deixarse ver. A razón que vos levará a todos os indecisos en masa: a Romaría Pop é un dos eventos imprescindibles do moderneo compostelán, incluso do moderneo galego. Tes que estar. Ir a ver e deixarse ver, facer moitas fotos e colgalas no Instagram. Non esperamos menos dos nosos lectores!

*Disquecool é un ano máis medio colaborador da Romaría Pop

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará