Poucas cousas hai realmente sagradas neste mundo e unha delas é o churrasco. Ben, as churrascadas. As churrascadas son unha das mellores cousas do mundo. Posiblemente porque ten que facer bo tempo para poder facelas. Posiblemente porque hai que comer coas mans. Posiblemente porque as cousas están ben, en fin, churrascadas. Persoalmente, a min o que me gusta é sentarme e comer o churrasco, aínda que hai quen (especialmente os pais) gozan con todo o proceso. Facer as brasas, requeimar a carne e cheirar logo a cacharela. Para toda esa xente chega o libro perfecto. Chámase A Bíblia do Churrasco e acaba de editalo unha empresa brasileira.
Detrás do libro está Tramontina, que é unha marca do Brasil con moitos anos de historia (un século e algo) especializada en cousas do fogar. Unha chea de cousas do fogar. Entre todas esas cousas, teñen todas as ferramentas necesarias para facer churrascadas, como coitelos, garfos e similares. E como son unha marca que consigue tocar todos os paos no mundo do churrasco, apostaron por crear un libro especial sobre o tema. E, como outros libros que conseguiron condición de viral (hai un para facer lasaña que é en realidade unha lasaña), este tamén pode ser empregado como ferramenta para facer churrasco.
O libro ten todo o que é preciso. Pode converterse en mantel, pode servir para cociñar nas brasas, podes empregalo para cortar nel e, cando pensas que non hai máis que lle podas sacar, sorpresa!… e aparece un mandil entre as súas páxinas!
Polo momento facerse con el non é doado. Tramontina lanzou o libro nunha tiraxe limitada que enviou aos grandes chefs do mundo do churrasco (en Brasil, claro, así que o teu tío X non estará entre todos eles) en marzo de este ano. Despois, A Bíblia do Churrasco chegará a librarías selectas do Brasil.